A maioría das consellarías xa comprometeron, co anterior goberno, a práctica totalidade do seu orzamento para 2005 e algunhas teñen hipotecada a previsión de gasto para os vindeiros exercicios. Tras a presentación dun informe no Consello da Xunta, o presidente Emilio Pérez Touriño anunciou o compromiso de elaborar unha norma para evitar estas prácticas no futuro.
Segundo o informe presentado polo conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, Educación superou o orzamento de transferencias correntes para o vindeiro trienio, Política Territorial ten o 58% dos fondos comprometidos en investimentos reais para o 2006 e o 40% para o ano seguinte mentres que Industria liquidou o 92% en transferencias correntes para o 2005.
Outro departamento cun sobranceiro desequilibrio orzamentario é o sanitario. O Sergas ten un déficit que medrou de xeito progresivo nos últimos anos. En 2003 superaba os 280 millóns e en 2004 de 320 millóns de euros.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, acusou o anterior goberno de executar de forma apurada o orzamento mentres estaba en funcións. Comprometeuse a non desenvolver este tipo de prácticas dende o actual goberno e a tomar as medidas necesarias para evitar que se repita esta situación, para o que incluirá unha norma no ámbito da comunidade.