Rara vez alguén lles fala. A mocidade que senta na oficina traballa ou as rapazas agardan na casa o matrimonio. É incrible a maxia que pode obrar un pouco de atención, un pouco de auga sobre unha terra seca. Pode, simplemente, comezar a cambiar o mundo. María Reimóndez escribe para Vieiros dende a India, onde traballa en proxectos do colectivo Implicadas no Desenvolvemento.
Os Clubs de cooperación
Os clubs de cooperación pretenden poñer en contacto asociacións xuvenís galegas, etíopes e indias a través de IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO. En realidade pareceunos que a pesar da situación remota e de pobreza quen máis precisan o contacto son as nosas mozas e mozos e por iso deseñamos unha iniciativa un pouco máis ambiciosa para as asociacións galegas, cun programa de formación e actividades permanentes arredor da cooperación. Cada día falo con Mónica, a encargada do proxecto, a través de internet para ver como vai a preparación dos materiais e a organización do curso de formación que se ofrecerá ás asociacións en setembro.
Interese
As mozas e mozos de Tiruchy escoitan cos ollos abertos a presentación do programa. Só catro saben onde está Etiopía. Sobre Galicia mellor non preguntar. Curiosamente, o mundo desenvolvido parece non interesarlles, choven as preguntas sobre Etiopía, queren saber como viven outros mozos e mozas nun país en vías de desenvolvemento. Explícolles con tristura a situación de tensión política actual. Caras preocupadas. "Pero participarán no programa?" pregunta un rapaz insistentemente. Espero que si. E non saben canto.
Revolución
A creación dos grupos de mocidade é unha pequena revolución. Non polo concepto en si, antes había algúns nos suburbios. Pero aquí cando se fala de grupos de mocidade son só de rapaces. As rapazas pasan de nenas a mulleres sen intermediación, sen mocidade, sen esa única posibilidade na vida para moitos de ser rebeldes. A creación dos grupos causou conmoción. Sobre todo para as rapazas e os rapaces que os integran. Estes últimos acaban de abrir os ollos á discriminación de xénero. Parécelles inaudito que a comunidade non deixe ás rapazas participar, non entenden por que os comentarios van sempre enfocados a elas. E esa lóxica simple é a que me axuda a falarlles dos patróns de xénero e de por que se argumenta que as rapazas non deben saír da casa para protexelas cando en realidade os que non deberían de saír son os que as agreden. Algunhas bocas abertas. Moitas máis cando falamos de que os homes tamén poden facer labores domésticos.
Un pouco de atención
O debate alóngase, unha rapaza admite que non tiña intención de falar na xuntanza por vergonza, pero debeuna de superar no proceso, fala con vigor e as rapazas aplauden. A min préstame o que non se conta. Escoitan con atención o que digo. Rara vez alguén lles fala. A mocidade que senta na oficina traballa ou as rapazas agardan na casa o matrimonio. É incrible a maxia que pode obrar un pouco de atención, un pouco de auga sobre unha terra seca. Pode, simplemente, comezar a cambiar o mundo.
AS CRÓNICAS ANTERIORES: