Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XUNTANZA PARA A COORDINACIÓN DE MEDIOS DA XUNTA E O ESTADO

Oito concellos en alerta máxima e preto de trinta lumes ardendo aínda sen control

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, convocou para a mañá deste martes unha reunión para a coordinación dos recursos extraordinarios do executivo autonómico e do goberno central na loita contra os incendios. A última hora deste luns permanecían activos trinta e oito lumes, dos que unha ducia deles estaban xa controlados.

- 06:28 23/08/2005
Tags:

Logo das máis de trece mil hectáreas queimadas no que vai de mes de agosto, sumando as peores cifras dos últimos veráns, o presidente da Xunta convocou unha xuntanza dos departamentos das administracións implicadas na loita contra o lume para a avaliación da situación, a posta en común e o seguemento, coordinación e deseño das accións futuras. Na reunión estarán ademais do propio conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, o conselleiro de Presidencia, os directores xerais de Montes e Interior, o delegado do goberno, Manuel Ameijeiras, os subdelegados provinciais e o director de protección civil.

Ourense segue sendo a provincia máis afectada, e este luns mesmo tiveron que realizarse desaloxamentos nunha urbanización próxima á cidade. A última hora do luns permanecían activos dezanove lumes, cinco deles xa controlados e catro deles de gravidade máxima nos concellos de Avión, Entrimo, A Bola e Taboadela. En Pontevedra mantíñanse unha ducia de incendios activos, cinco deles tamén controlados e dous co nivel 1 de alerta, nos concellos de Pazos de Borbén e Ponteareas. Dous dos sete incendios na provincia da Coruña estaban contra as 19h do luns xa controlados, requirindo outro par de incendios o grao de alerta maior, nos concellos de Carnota, na zona do Pindo, e en Rianxo, no lugar de Tarragoña.

O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, insistía este luns, en declaracións á Cadena Ser, en que as características dos lumes, con varios focos simultáneos, e repetidos en días sucesivos nas mesmas zonas, indicaban a responsabilidade delictiva de pirómanos na maioría deles. Malia todo, insistiu en que o labor da consellaría se centra agora mesmo na extinción e que con posterioridade se estudará polo miúdo o que está acontecendo.

Por outra banda, contámoslles da queixa que desde Vigo facía o concelleiro de Seguridade da cidade olívica, Antonio Coello, sobre a presunta falta de apoio da Xunta na loita contra os lumes da área metropolitana viguesa. Segundo Coello, durante a fin de semana teríase posto de manifesto unha falta de medios na zona, tendo que sumarse os bombeiros da cidade ás peticións de axuda doutros concellos próximos. "Estivemos loitando sós", acusou o concelleiro vigués do PP, ao tempo que advertía de falta de coordinación desde o executivo autonómico e pedía un plan de emerxencia.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: