Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE A INDIA (7)

A voz

"Nós temos que facer un espazo para que esa voz se oia, para que non sexan só as miñas crónicas as que conten o que pasa, para que sexan os seus rostros e as súas palabras, no seu idioma, coa súa enerxía, cos seus sorrisos e comentarios". María Reimóndez escribe para Vieiros dende a India, onde traballa en proxectos do colectivo Implicadas no Desenvolvemento.

- 08:48 22/08/2005
Tags:

Na casa
A luz do día tráeme de novo a Tiruchy. Vexo o Rock Fort, o río, a tranquilidade das cinco e media da mañá. Cando baixo o primeiro chanzo do bus atopo a cara sorrinte de Kannan e acto seguido a de Rajalingam. A bafarada de calor no meu catarro de Karnataka. Estou na casa de novo.

Cousas en común...
Manimekalai e mais eu falamos das mulleres perfectas e por fin podo rir. Ela hoxe está amolada porque a súa mai e as súas irmás (tamén pertencentes a ese grupo) non deixan de chamala para ir celebrar uns actos relixiosos para a saúde do marido (porque iso tamén é responsabilidade das mulleres, claro está e se algo lle pasa a Ambal será culpa de Manimekalai por non atender aos ritos). As chamadas insistentes amólana, a presión. Pero resiste. Falamos de como as dúas nos sentimos máis afíns ás mulleres dos suburbios ca a esas amas de casa de clase media con criadas e telenovelas. Salvando as distancias, temos unha pasta semellante no corazón, a da hiperactividade obrigatoria.

E outras que non...
Algunhas cousas temos en común coas mulleres dos suburbios Manimekalai e mais eu. Outras non. Cóntame que nun estudo que está facendo sobre percepcións de xénero en certas aldeas preto da universidade, a comunidade cre que os homes non deben de chorar porque se choran o seu órgano xenital empequenece e non poden ter fillos. Carafio, esta si que non a oíra nunca. Coidado rapaces con cortar cebolas, que logo xa se sabe...

A voz
Moitos dos rostros son xa coñecidos. Durante e semana pasada na visita de campo fixen unha selección das persoas que quería entrevistar coa cámara de vídeo. Sen Paco non é o mesmo. Nada é o mesmo, pero hai que ir tirando. Así que fago o que podo e sentamos Rajalingam e mais eu coas preguntas certeiras preparadas. Isto tamén é un traballo importante. Porque as persoas precisan unha voz. Esta é unha das miñas teimas neste traballo. Precisan falar e ser escoitadas. Nós temos que facer un espazo para que esa voz se oia, para que non sexan só as miñas crónicas as que conten o que pasa, para que sexan os seus rostros e as súas palabras, no seu idioma, coa súa enerxía, cos seus sorrisos e comentarios.

AS CRÓNICAS ANTERIORES:

  • Reencontro inesperado
  • Aínda son moitos os esforzos que pagan a pena de verdade
  • A alfombra máxica
  • Emprendedoras de Humanidade
  • O meu agasallo
  • As mulleres perfectas
  • Tamén en Vieiros: as Crónicas dende a India de María Reimóndez no verán de 2004


  • 0/5 (0 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: