O Estado español está "á cola de Europa en materia de seguridade laboral e Galiza, nalgúns sectores, á cola do Estado". Así o recoñeceu Fernando Blanco este xoves en Vigo, a onde se desprazou logo de coñecerse a morte ao mediodía dun traballador que participaba nas obras de ampliación do Instituto Feiral de Vigo. Son xa máis de medio cento de persoas falecidas en accidente laboral no que vai de ano, nove delas nos últimos dous meses no contorno de Vigo.
O novo responsábel de Innovación e Industria da Xunta, o nacionalista Fernando Blanco, subliñou que "é obriga do goberno galego promover un acordo social contra a sinistralidade laboral que evite e lle poña freo á perda de novas vidas". Nesa liña, o conselleiro prometeu que o executivo "traballará conxuntamente para poñerlle freo a esta situación, porque este é un problema que lle afecta a toda a sociedade". As necesarias melloras en materia de seguridade laboral están tamén na axenda conxunta que desde o próximo mes de setembro tratarán a consellaría de Traballo, sindicatos e patronal.
Ao fío, recordámoslles que o anterior executivo recibira as queixas das formacións sindicais polo presunto ocultamento das cifras reais de sinistralidade. Segundo CCOO e UXT, as mortes por causa laboral poderían ser "ata sete veces máis das que quedan oficialmente rexistradas". As formacións sindicais acusan tamén ás mutuas de accidentes laborais e enfermidades profesionais de enviarlle ao sistema público de saúde moitos accidentes de traballo camuflados coma enfermidades comúns, agochando a súa orixe laboral.
Lembrámoslles que a comezos do mes de agosto morreran xa 55 traballadores en Galiza, unha media de case dous traballadores por semana, cifras que dende a CIG se cualificaban de "graves". "Non é soportábel para este país o constante incremento de accidentes de traballo con resultado de morte", laiábase daquela o secretario xeral da CIG-Mar, logo de coñecerse a morte un mariñeiro en Porto do Son.