"O mandato de cambio e rexeneración democrática expresado polo pobo galego non pode asentarse sobre o silencio e o esquecemento de milleiros de cidadáns e cidadás galegos que foron vítimas da represión por defender os valores democráticos do autogoberno e o progreso de Galicia". Así o recolle a declaración asinada este xoves no Consello da Xunta, onde se destaca o compromiso coa memoria histórica e a "rehabilitación moral, persoal e legal da figura de Alexandre Bóveda".
Nesta declaración institucional, a Xunta amosa a vontade de recuperar "a memoria histórica democrática, representada singularmente na recuperación, rehabilitación e recoñecemento das vítimas da represión provocada polo levantamento militar de 1936", subliñando que "este compromiso ha de entenderse como un deber ético, como un acto de xustiza e como unha norma fundamental para garantir a calidade do sistema democrático".
Así, e na xornada posterior á celebración do Día da Galiza Mártir, a Xunta recoñece ao respecto da figura de Bóveda que na "longa xeira da recuperación da súa vida e da súa obra, aínda está pendente o recoñecemento por parte das máximas institucións galegas". Ao tempo, o executivo promete desenvolver "iniciativas encamiñadas ao coñecemento da verdade histórica, á rehabilitación moral e pública de todas as vítimas galegas da represión da ditadura, á anulación dos xuízos sumarísimos e, en xeral, á reparación dos danos morais e materiais aos que houbera lugar".