Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LEMBRANZA DA GALIZA MÁRTIR

Alexandre Bóveda na cerna da memoria histórica

Correron xa 69 anos, Alexandre Bóveda. Ao longo de todo este tempo non deixamos nunca de cumprir a cláusula central do teu testamento, aquela promesa destinada inicialmente a Amalia e aos fillos e grabada en papel de urxencia fronte aos abismos do amañecer do día 17 de agosto de 1936: "Estarei sempre con vós." Achegámoslles o texto que leu Xosé María Álvarez Cáccamo este mércores no cemiterio de San Mauro, no acto que aló se celebra todos os anos en homenaxe a Bóveda.

- 06:43 18/08/2005
Tags:

Naquela hora da madrugada negra comezou a medrar a familia dos destinatarios da túa derradeira vontade. Hoxe somos multitude ardente a dos que vivimos contigo na paixón luminosa de Galiza, na homenaxe da túa intelixencia de serena anatomía, do teu claro rumbo de amor expansivo, do teu inimitábel estilo humano e das túas certezas políticas, que son tamén nosas e ti alimentas e cuidas desde a memoria dilatada en herdo milenario.

A memoria do teu exemplo vive naturalmente consubstanciada coa evocación imprescindíbel do levantamento fascista do 18 de xullo. Nin queremos nin podemos esquecer. Contra as industrias esmagantes do esquecemento como maquinaria devastadora traballa en estado de alerta indeclinábel a vontade soberana do pobo, ese corpo universal que constrúe a cidade da Historia. Lembramos para defender a casa común da cíclica ameaza xenocida. Lembramos, ardorosamente, para erixir o documento libérrimo da xustiza popular.

A memoria histórica é unha forza natural, regato clandestino en curso novo que vai acrecentando o seu caudal conforme a conciencia colectiva fai seu o labor das vanguardas políticas. Poden coutar o seu curso con toda caste de encoros represores. Algún día as augas da verdade rebordarán, con presión inevitábel, todo impedimento censor, toda mordaza. Así acontece hoxe, logo de seis décadas de silencio imposto e pactado a dereita e esquerda. Estoura neste tempo noso de entre dous séculos unha vontade unánime de luz, milleiros de fachos acesos en mans da sociedade civil organizada. Logo de tantos anos despois da morte do ditador, reprimidos para elaborar o dó da mortandade infinita e para xulgar aos responsabeis do exterminio, obrigados a calar fronte á agresión dos símbolos, monumentos, inscripcións, prazas e rúas que consagraban o terror do estado fascista -celebrativa vergoña que permanece aínda en insultante excepción a furar os alicerces mesmos da democracia- comezamos a difundir o relato da verdade que a Historia reclama.

A nós non nos foi concedido o dereito de encausar aos criminais através dun tribunal internacional como o de Nuremberg, cuxas actuacións poderían ter ido encamiñadas a procesar tamén aos responsabeis de crimes contra a humanidade como os perpetrados polo réxime de Franco, aliado das Potencias do Eixo. Sen papel legal onde poder asentala, o pobo, porén, pronunciou xa a sentenza condenatoria. Algúns sentímonos moral e politicamente obrigados a colaborar como testemuñas da acusación no curso desa causa. En Crónica do espanto, libro da miña autoría, quixen contribuír co listado dunha nómina simbólica de " paseantes, verdugos, militares, delatores, fiscais e falanxistas, señoritos da noite, corvos do amañecer." O meu testemuño pronuncia unha incitación, unha proposta de exhaustiva declaración en beneficio da verdade total. Calquera restrición, imposta ou voluntaria, do dereito universal ao coñecimento e divulgación da verdade invalidaría o sentido da nosa esixencia de xustiza. Hoxe, sesenta e nove anos despois, no derradeiro lugar do corpo de Alexandre Bóveda, quero declarar outravolta os nomes e apelidos dalgúns dos responsábeis da violencia extrema que, na Galiza republicana de 1936, impuxo unha sombra de terror planetario:

"Francisco Rodríguez alcumado "O Rabioso",
Fernando Lago Búa, Víctor Lis Quibén,
Manolo Sanjurjo, Rosendo Bugarín,
Benito de Haro, Rivero de Aguilar,
José Peñarredonda, José Tabeirón,
Monseñor Reisiño, Paulino Lago Roig,
Martín Barbadillo, José Viador,
Joaquín Yáñez, González Vallés,
Pita Lasantes, Panchito Leal,
González Zaera, Antonio Rosón,
Manuel Díaz Vilela, Luis Rosón,
José Vila Fano, Pascual Pérez Rosón,
Padre Nieto, Manuel Pérez Rosón,
Pancho Hervada, Fermín Pérez Rosón..."

Fronte ás paredes das igrexas onde permanece a relación de "Caídos por la Patria", os mortos exclusivos do franquismo, o listado das vítimas da outra ribeira, a dos construtores da Galiza republicana, comunista, socialista, galeguista, nacionalista, a dos defensores dun réxime democrático que medraba en razóns de progreso e liberdade, van enchendo as páxinas dos libros e as placas dos monumentos. Habitaban xa na nación indestrutíbel da memoria colectiva, na Raíz do Pensamento que ninguén poderá nunca arrincar. En Pontevedra, con Alexandre Bóveda, permanece viva a seiva do souto formidábel que foron e son Vítor Casas, Telmo Bernárdez, Amancio Caamaño, José Adrio, Germán Adrio, Paulo Novás, Ramiro Paz, Jacobo Zbarsky, Gonzalo Acosta Pan, Jorge Echeverri, Juan Rico, Benigno Rey, Luis Poza... Esta é tamén unha nómina simbólica, representativa dos centos de milleiros de seres perseguidos, depurados, torturados, paseados, asasinados en Galiza e en toda España.

Entre eles os que, como Bóveda, remataron os seus días fronte un pelotón de fusilamento logo de ser condenados á pena capital en xuizos sumarísimos que repetían mecanicamente un modelo de implícita sentenza de morte e que deben ser revisados para demostrar a súa radical ilegalidade. Tratábase de disfrazar de formalidade xurídica un programa minucioso de masacre dirixido a eliminar todo impedimento á instauración do fascismo. A intelixencia crítica e creativa, a determinación solidaria, a vontade soberanista das nacións sen estado, o progreso igualitario, o laicismo democrático... eran os albos selectivos da acción exterminadora. Os seus efectos alongaron a súa vixencia até o mesmo día de hoxe, até a hora presente da monarquía de semente franquista e da igrexa do nacional-catolicismo, a do pensamento estandarizado e colonizado, a da demonización perpetua dos nacionalismos emancipadores.

Pero outro río de alta montaña, como o daquel regato clandestino que mantivo viva a flor da Memoria contra os designios da ditadura e contra as estratexias da transición, as augas sempre mozas dunha corrente fluvial que vén baixando pola vertente da esquerda, medra paseniño e rega o campo dunha nova conciencia política. Quero enviarche, Alexandre, unha noticia: o franquismo -¡sesenta e nove anos despois!- resultou derrotado nas últimas eleccións, en España e en Galiza. Unha boa noticia, que será espléndida realidade se conseguimos que se cumpran os proxectos máis progresistas da vontade popular, os soños nos que traballou a República e a Galiza pola que ti deches a vida: a vitoria da fermosura e da intelixencia contra as tebras, a entrega colectiva en favor das causas solidarias, a vontade libre das nacións sen estado, o progreso igualitario, o laicismo democrático...

Que terá futuro e razón se ninguén sucumbe á tentación, pronunciada xa como propósito inexplicábel, de outorgar recoñecimento público de servizos prestados ao expresidente da Xunta de Galiza, un dos máis notábeis colaboradores do réxime de Franco, o que significaría contribuír á negación da Historia, ao negacionismo erixido polos responsábeis do xenocidio e da ditadura. A sociedade civil, o pobo, vaise manter alerta en defensa da Memoria Histórica da que ti, Alexandre Bóveda, eres cerna acesa na madrugada do día 17 de agosto.


0/5 (0 votos)