Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DURANTE O ACTO DE HOMENAXE A ALEXANDRE BÓVEDA

Quintana pide crear unha "Comisión da Verdade e da Memoria"

O voceiro nacional do BNG argumentou que a necesidade desta comisión se explica en que "nin un só dos hoxe anónimos alexandres bóvedas que merecen honra e homenaxe debe quedar sen eles". Na súa opinión, recuperar a figura de Bóveda debe ser "o inicio dun esforzo en común de recuperación colectiva da memoria histórica de Galiza que queremos impulsar e sacar adiante entre todos".

- 06:37 18/08/2005
Tags:

"Durante anos xuntámonos aquí cada 17 de agosto para honrar a memoría inspiradora e valente de Alexandre Bóveda. Durante anos lembramos as súas verbas lúcidas, repasamos as testemuñas emocionadas dos que o coñeceron", afirmou Anxo Quintana na súa intervención durante a homenaxe a Alexandre Bóveda celebrado na Caeira, en Poio, con motivo do Día da Galiza Mártir. "Pero este ano, podemos e debemos facer algo algo máis", pediu o novo vicepresidente da Xunta de Galiza, "hoxe o nacionalismo participa no Goberno de Galiza e é hora de dar un paso adiante e facer xustiza. É o noso deber facela. É o noso compromiso e ten que ser unha tarefa prioritaria".

"A historia de Galiza, a historia das galegas e dos galegos nunca estará completa mentres haxa nomes castigados pola mentira, a inxuria e o odio, nomes como o de Alexandre Bóveda", expresou Quintana no seu discurso, "o mandato de cambio e rexeneración democrática que recibimos é tamén un mandato de restauración da memoria colectiva e de afortalamento da dignidade de todos".

Nese sentido, falou da "necesidade dunha declaración pública por parte do goberno do Estado recoñecendo o crime e restituíndo a figura de quen foi máis aló do deber na defensa da liberdade, da igualdade e da equidade para o seu país". Na mesma liña, propuxo que o seguinte paso fose a posta en marcha da Comisión da Verdade e da Memoria "para que nin un só dos hoxe anónimos alexandres bóvedas que merecen honra e homenaxe quede sen eles. Para que ningunha das familias deses Bóvedas anónimos teña que seguir sufrindo na tenebras, no silencio e na vergoña".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: