17 militares do exército español morreron a unha da tarde ao caer o seu helicóptero no leste de Afganistán. As causas da caída aínda non están determinadas, e o ministro de Defensa, José Bono, cre que puido ben tratarse dun accidente como dun ataque exterior. Dez destes militares eran galegos e procedían da base de Figueirido, en Pontevedra. Tamén hai un cinco feridos doutro helicóptero, producidos durante a operación de rescate, pero ningún deles grave. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, expresou a dó do goberno galego polas vítimas, mentres o BNG, solicitaban a retirada das tropas españolas de Afganistán.
Velaquí os nomes dos 10 galegos falecidos: Xosé González Bernardino, Daniel Abreu Fernández, Diego González Blanco, Diego Prado Blanco, Isaac Calvo Piñeiro, Xesús Casal Ribeira, Xosé Antonio Martínez Parada, Iván Vázquez Núñez, Pedro Sanmartín Pereira e Pablo Iglesias Sánchez. Ademais faleceron sete soldados e mandos procedentes de Asturias, Andalucía e Madrid: Gonzalo de Rey Nazaga, David Guitar Fernández, Juan Morales Parra, Alfredo Francisco Jodar, Pedro Fajardo Cabeza, José Manuel Moreno Enríquez e Javier González Hernández. Dos soldados galegos unicamente se coñece a provincia de nacemento: catro pontevedreses, tres lugueses, dous coruñeses e un ourensán.
As causas da caída do helicóptero, que se atopaba nunha "misión táctica" dentro das operacións de pacificación de Afganistán, non están claras. Nun primeiro momento especulouse con que o helicóptero puidese bater coas súas aspas contra as aspas doutro helicóptero español, pero esa hipótese foi descartada polo ministro de Defensa José Bono. Este apuntou, nunha comparecencia pública, que non se rexeitaban ningunha das posibilidades, tanto o accidente como o "ataque desde o exterior". O voceiro da misión internacional da OTAN en Afganistán, o maior Andrew Elmes, refugara porén nunha comparecencia anterior que se tratase dun ataque.
A caída do helicóptero produciuse nunha zona chá, pero nunha rexión moi montañosa do leste de Afganistán, nos arredores de Xindad, a uns 150 kms da fronteira iraní. Os restos do helicóptero foron dexergados por outra das naves, que por cuestións de seguridade realizou unha aterraxe de emerxencia, durante a que se produciron cinco feridos. Ningún destes feridos está grave.
Hai uns 850 soldados españois despregados en Afganistán, na súa maioría procedentes do cuartel de Figueirido, en Pontevedra. O aparello sinistrado é un helicóptero Cougar, cunha tripulación de seis persoas, pero habilitado para o transporte. Os voos tácticos realízanse a alturas entre 3 e 10 metros do chan, para evitar ser localizados.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tratará ao longo desta tarde de pórse en contacto cos familiares dos falecidos en Afganistan para expresarlles a "dor de todos os galegos" por esta traxedia, así como a súa "dó" en nome do Goberno. Tamén manifestaron o seu pesar el-Rei Xoán Carlos I e o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, que suspendeu as súas vacacións para reunirse co ministro de Defensa.