Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE A INDIA (4)

Emprendedoras de humanidade

"Trémanme os ollos da emoción. Esta é unha das historias máis fascinantes de todos estes anos traballando, éncheme o peito de orgullo alleo. Eu agardaba que me contasen o do tanque de auga, a bomba que non funcionaba, a reparación do baño público... esas son cousas que as mulleres dos grupos tenden a facer xuntas pola comunidade. En Paduvai Nagar tamén. Pero non é iso...". María Reimóndez escribe para Vieiros dende a India.

- 06:18 17/08/2005
Tags:

Emprendedoras
Paduvai Nagar é para min o máis próximo a unha festa. Aló están elas, as mulleres dos tres grupos de aforro, falangueiras e emprendedoras, co seu uniforme amarelo. Semellan unha mada de flores todas sentadas e comentando. Botar tempo con elas é recargar a enerxía positiva unha longa tempada. Non agardaron por ninguén. Elas mesmas foron ao banco e pediron crédito para o grupo. Con el comezaron os seus pequenos negocios. Sashikala fai grilandas de xasmín, Uma montou unha tendiña de suburbio na casa, Shanti un posto de facer idlis. Cos seus saberes domésticos saíron á rúa facer cartos. Son o corazón da ledicia.

Emprendedoras de humanidade
Trémanme os ollos da emoción. Esta é unha das historias máis fascinantes de todos estes anos traballando, éncheme o peito de orgullo alleo. Eu agardaba que me contasen o do tanque de auga, a bomba que non funcionaba, a reparación do baño público... esas son cousas que as mulleres dos grupos tenden a facer xuntas pola comunidade. En Paduvai Nagar tamén. Pero non é iso o primeiro que comentan cando lle pregunto que me falen das súas actividades en grupo. Fálanme con orgullo das 10.000 rupias que entre todas xuntaron para axudar ás víctimas da tsunami. Sacaron cartos dos seus aforros, foron pedir aos empresarios da zona, aos veciños. Colleron os cartos, mercaron arroz e outros bens básicos e nun par de días estaban en Cuddalore, na costa de Tamil Nadu, repartindo á xente. Ata sacaron fotos. A min déixanme sen palabras. Ou con todas na boca, porque desde o chan da choupana onde sento sei realmente o esforzo deses cartos que non nacen da conciencia acomodada senón da humanidade máis enxebre levada á máxima potencia.

Viaxando na noite
Despois deste ritmo infernal de tres suburbios por día, o meu corpo non pode asimilar as dez horas de tren que terá que pasar na noite ata chegar a Bangalore. Toca a miña breve visita a Karnataka, ese suplicio nocturno de estar alerta a noite enteira. O tren considérase seguro, pero eu non me fío de ningún ser humano con bigote. Afortunadamente non estou soa na noite. O cariño dalguén acompáñame a través do pitido abafado do teléfono en mensaxes que me fan sentir querida.

Bangalore, o fervedoiro
Vinay é sempre puntual. A estación de Bangalore segue igual ca sempre. Co roxe roxe de xente polas pasarelas adiante. Noto o frío da mañá na cara. Unha sensación xa esquecida pero aí está. Cando chegamos ao noso hostal habitual, a rúa é un fervedoiro de ruído. Estampado no ceo está un actor de cine a tamaño xigante cuberto de serpentinas. A cidade é unha festa.

AS CRÓNICAS ANTERIORES:

  • Reencontro inesperado
  • Aínda son moitos os esforzos que pagan a pena de verdade
  • A alfombra máxica
  • Tamén en Vieiros: as Crónicas dende a India de María Reimóndez no verán de 2004


  • 0/5 (0 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: