Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÁIS CIFRAS SOBRE A PRECARIEDADE LABORAL GALEGA

Catro de cada dez traballadoras galegas teñen un contrato temporal

O sindicato UXT advertira esta semana da grave perda de calidade do emprego no Estado, con máis de cinco millóns de traballadores temporais, a peor situación a nivel da UE. Desde UXT Galicia precisan que os datos son catro puntos peores en Galiza respecto á media estatal, cun 34% de traballadores con este tipo de contratos, e a fenda é maior no caso das mulleres cunha taxa de temporalidade do 37%.

- 10:36 12/08/2005
Tags:

Láiase o sindicato de que as mulleres e os mozos aparezan en Galiza coma as partes "máis débiles" dun mercado sociolaboral "marcado polas desigualdades", denunciando ademais que as traballadoras galegas "cobran salarios máis baixos e sofren taxas de paro e temporalidade máis elevadas" e subliñan que no que respecta á mocidade "só o 55% dos mozos entre 30 e 34 anos estean emancipados".

Xa que logo os datos sobre desemprego amosan que Galiza permanece nun 12,6% sobre a poboación activa, mentres que España chega ao 11,3% e na UE a media está no 9.1%. No caso das mulleres a porcentaxe dispárase no noso país deica ao 18,3%, mentres ca en España acada un 15,9% e na UE logo da ampliación sitúase nun 10%. No que lle toca aos mozos, a nivel da UE o desemprego aféctalle ao 18,4%, taxa que sobe ao 22,7% na media estatal e brinca ao 26,3% en Galiza.

A fenda en canto a temporalidade é espectacularmente elevada no Estado español respecto á situación no resto de Europa, acumulando con máis de cinco millóns de traballadores con este tipo de contratos, unha cifra total que mesmo supera á suma de Italia, Reino Unido, Suecia e Bélxica xuntos. En porcentaxes, a temporalidade na UE despois da ampliación sobe ao 12,9%, mentres ca en España está no 30,6% e en Galiza chimpa ao 34,1%. Entre as mulleres, a temporalidade sobe ao 13,7% na UE, chega ao 33,5% na media estatal e acumula un 36,9% no caso galego.

Peticións ás administracións
"O novo Goberno da Xunta non pode deixar de mirar o espello desta realidade e está na obriga de desenvolver as medidas necesarias para acabar con estas desigualdades por razón de xénero ou idade e para que os mozos galegos poidan acceder ao mercado laboral dun xeito digno, trazar un horizonte de futuro e fixar así unhas perspectivas vitais", piden desde a comisión executiva da UXT-Galiza.

Fronte á promesa do novo goberno de ter a loita pola creación de emprego de calidade coma un eixo prioritario, insisten na necesidade de ter moi en conta estas eivas da realidade social e laboral galega e "poñer enriba da mesa políticas de igualdade que garantan que as mulleres galegas non sufran discriminacións á hora de acceder ao mercado laboral e que tampouco as padezan cando xa están dentro e políticas destinadas aos máis mozos que prevean, entre outros aspectos, medidas de conexión do sistema educativo co mundo laboral".

Ao tempo, diante da apertura do debate a nivel estatal para a reforma laboral, dende a UXT insisten na necesidade de "recuperar o principio de contratación indefinida" así coma outras medidas que inclúan sistemas de bonificación para esta modalidade de contratación, ao tempo que solicitan que se estreme o control para que non se substitúan empregos fixos por este tipo de contratos. Denuncian ademais a utilización de "encadeamentos inxustificados de contratos eventuais" e piden que a inspección de traballo vixíe o cumprimento da igualdade de trato e a non discriminación no traballo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: