Supertorneo de Meaño, Super-Palán de primavera, o Torneo do Lacón... Sen a atención aínda das audiencias televisivas a billarda gaña forza co traballo dende as terras da Mariña dos mozos de O Varal. Antes que as festas do Conde Santo, en Lourenzá, acollan o próximo domingo 27 de agosto o mundialiño de seleccións parroquiais de billarda, falamos con Xermán Viluba, integrante dos míticos Skornabois, agora en Safari Orquestra, e impulsor da Liga Nacional de Billarda. "O final do ciclo dos galácticos do futbol coincide co ascenso das novas estrelas da billarda".
De onde saiu logo a teima de recuperar a billarda? Xogabades aínda na vosa zona?
Moitos de nós xogabamos de pequenos e mantíñamos contacto. Foi dese xeito que un día un grupo de xente con esa inquedanza similar demos en organizar as partidas e xogar de forma normalizada. Primeiro montamos a LNB, a Liga Nacional de Billarda, e despois O Varal, a asociación cultural que promove o xogo. Levamos xa dous anos coa iniciativa e dende aquela os concellos onde a nosa escola interviu deportivamente foron os de Lourenzá, Barreiros e Ribadeo.
Sabedes doutros lugares onde se xogue?
Si, nós de feito estamos abertos a levar o campionato por outros lugares. Non hai moito que fomos a Pontevedra, á parroquia de Xil, no concello de Meaño. Foi unha experiencia brutal. Arrincamos para aló na que bautizamos coma Guagua da LNB, o bus da Liga.
E para cando unha selección galega de billarda?
Estamos niso. Xustamente estivemos preto de participarmos nun torneo internacional en Italia, na cidade de Verona, onde teriamos xogado con equipos de Italia, Eslovenia e Croacia e a onde iríamos coma selección de Galiza. Eles mesmo nos pagaban a viaxe, inicialmente, porque logo foise a cousa abaixo. Por certo, tamén hai un contacto con Brasil, con Copacabana, para crear unha LNB Brasil. En realidade, a través da web é soprendente a cantidade de contactos con todo o mundo que estamos facendo.
Aplicades as regras da vosa zona á LNB?
Nós fixemos algo importante: unificamos criterios. Non existe unha federación galega ou europea da billarda e cada zona, e mesmo dentro de áreas próximas, cada lugar xoga coas súas particularidades. Por iso establecemos unhas pautas únicas, cunhas medidas similares nos elementos do xogo. Creamos a billarda do século XXI co obxetivo de facela máis atrativa para a xuventude.
Hai quen á billarda tamén lle di estornela, e vós ao xogador da billarda dicídeslle palanador...
Claro, trátase doutra invención, en base ao pau, ao palán. Demos en falar de nós coma palanadores e a palabra foi quedando. Tén que ver co que che digo de darlle unha visión contemporánea ao xogo, poñerlle atrativo.
E cales son as estrelas, temos un dream team da billarda galega?
Aí temos por exemplo a Ismael, o Zidane da billarda, dos Petapoucos de Barreiros. No torneo de seleccións parroquiais van xurdindo toda unha serie de formacións destacadas. Nos puxémoslles franquicia. Están entre outros, os Caimaneros de Ribadeo, os Fungueiros de Lourenzá, os Palan-ganas de Vigo, que viñeron a propósito xogar deica aquí, ou Safari, que teñen vontade de ser o Chelsea da billarda, a golpe de talonario.
Como vai logo o mercado de fichaxes de verán?
Móvese ben. Os Safari por exemplo andiveron a fichar xente importante dos Petapoucos.
Cal é a preparación dun palanador, hai dóping, licor café ou Gatorade?
Algún se cadra había de dar se lle mirasen. Pero vaia, gustamos de dicir que o único dóping é a emoción do domingo seguinte no campo de xogo.
Para rematar, queriamos saber das experiencias musicais nas que anda agora Xermán Viluba?
Colaboro na Safari Orquestra, pero estou coma o Ghallager, colaboro na gravación pero non no directo. Metín a guitarra para os temas da maqueta, e tamén compuxen con Emilio. Por outro lado teño unhas ideas xurdidas dun blog onde ando metido, A ollada do mandril, e teño intención de darlle saída musical, baixo o nome de Zimmer 103, unha visión musical, sen pretensións. É unha mágoa, pero penso que estamos nunha escena atafegante e pobre para os músicos galegos. Hai moito que facer.
"Non te quedes sen selección!! Viste a camiseta da túa parroquia e diríxete á LNB para buscar contrincantes, entra de cheo nos desafíos interparroquiais da LNB!"