A vaga de incendios dos últimos días, un total de 332 lumes durante a pasada fin de semana, queimou un milleiro de hectáreas nos montes galegos, a quinta parte no lume rexistrado na zona de Laza, en Ourense. Súmase así dende xaneiro un total de 7.560 incendios con 15.217 h ardidas, a metade respecto ao mesmo período de 2004. O conselleiro de Medio Rural asegurou que a curto prazo non haberá cambios no que lle toca á política de extinción. Pola contra, nos próximos meses si se iniciará o proceso de diálogo cara a outra política de prevención baseada en "darlle un novo valor ao monte".
"A política de extinción deberá seguir sendo un pilar fundamental para combater esta lacra", subliñou o conselleiro de Medio Rural. Alfredo Suárez Canal destacou que a curto prazo e nesta área, "fronte ao número de incendios que se están rexistrando", será necesario seguir mantendo os operativos de extinción, e "introducindo progresivamente as melloras que se poida", independentemente das políticas adicionais de prevención que o bipartito pretende promover neste área.
A última hora do martes e segundo o centro de coordinación da Xunta, permanecían activos dezasete incendios. O de maior dimensión afectáballe á parroquia de Mosteiro, no concello lugués de Cervantes. Para a súa extinción traballaron todo o día tres helicópteros, dous hidroavións e un matacán, avión de carga en terra desprazado como reforzo desde Madrid. En terra traballaban no lugar dous axentes, sete cuadrillas, cinco motobombas e unha pala.
Ao tempo, os servizos de extinción traballaban a última hora na extinción doutros tres lumes en Rao e Mosteiro, no concello de Navia de Suarna, e en Montesino, na Fonsagrada. En Ourense informouse tamén de tres lumes, o maior no lugar da Ponte, no concello da Veiga, e outros dous na parroquia de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, e en Abelenda, no concello de Avión. Ademais, no concello de Pontevedra traballábase contra o lume en dous incendios de Salvaterra, un en Meis e outro no propio concello de Pontevedra. En Coruña ardían o martes cinco focos nos concellos de Boiro, Camariñas, Ordes, Sobrado e en Monfero, este último no Parque Natural das Fragas do Eume.