Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEZ LUMES ACTIVOS EN GALIZA NAS ÚLTIMAS HORAS

Suárez Canal promete transparencia e alternativas na nova política anti-incendios

O conselleiro de Medio Rural, departamento que no goberno bipartito é responsábel da política contra o lume que anteriormente asumía a consellaría de Medio Ambiente, prometeu que a curto prazo se desenvolverán políticas complementarias á actualmente baseada na extinción. Alfredo Suárez Canal dará conta este mesmo martes do detalle dos datos sobre os lumes que zouparon nos montes galegos nos últimos días. A última hora do luns permanecían activos, aínda que segundo a Xunta controlados, un total de dez lumes, a maioría en Ourense, aínda que tamén na Coruña e Pontevedra.

- 06:30 09/08/2005
Tags:

"Máis adiante haberá tempo para políticas alternativas que poidan complementar a política de extinción noutras vías para acadarmos unha solución máis ou menos definitiva a medio e curto prazo", subliñou Suárez Canal este luns. O conselleiro tamén prometeu "total transparencia" á hora de informar sobre o número de lumes e a información sobre as hectáreas reais queimadas. Lembrámoslles que este último punto foi de feito motivo para a polémica en varias ocasións durante as lexislaturas anteriores, cando sindicatos e colectivos ecoloxistas acusaron reiteradamente ao executivo galego de non ofrecer os datos reais sobre o monte afectado.

O contorno de Oseira, en Cea, Vilariño de Conso, Monterrei, Pereiro de Aguiar, Carballeda de Valdeorras, Laza, Baños de Molgas e Rairiz de Veiga eran as zonas afectadas polo lume na provincia de Ourense a última hora do luns. Os equipos de extinción tamén traballaban en Valga, en Pontevedra, en na parroquia de Xestoso, no concello coruñés de Monfero.

Compromiso político necesario
"É imprescindíbel desenvolver un Plan Integral de loita contra os incendios que defina as competencias e responsabilidades de cada administración pública implicada na orixe dos incendios forestais e que se artellen os mecanismos de coordinación necesarios para unha prevención eficiente contra os lumes". Así o pedía este luns nun comunicado Félix Romeo, responsábel forestal do colectivo WWF-Adena.

"As traxedias vividas na última fin de semana amosan unha vez máis que o lume non entende de fronteiras nin colores políticas. A defensa dos nosos montes depende do grao de consenso que os nosos políticos sexan capaces de acadar a prol da conservación da natureza" afirma Romeo, "hoxe en día o medio rural, e en especial o forestal, é o apartado esquecido nas axendas dos nosos dirixentes".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: