A análise das licitacións, contratos e decisións, en moitos casos polémicas que veu realizando o goberno en funcións nas últimas semanas, comprometendo o investimento de moitos millóns de euros, será unha das tarefas prioritarias para os novos conselleiros. Así o recoñeceu este xoves o presidente da Xunta, que incluiu entre esas posíbeis revisións a concesión das licencias de tv dixital.
Determinar o modo en que se produciron esas decisións nas consellarías durante o goberno en funcións liderado por Manuel Fraga e ver a medida en que poden ter condicionado "de xeito especialmente importante a xestión do novo goberno", é un dos traballos que os novos responsábeis das consellarías se comprometeron a realizar de xeito inmediato.
Agosto de traballo
Logo deste primeiro Consello da Xunta, Touriño anunciou que o executivo bipartito traballará durante todo o mes de agosto e que se realizarán os sucesivos consellos os vindeiros xoves deste mes. Este traballo "ininterrumpido" é parte do calendario acordado xa cos membros do seu goberno, que inclúe a intención de completar o organigrama da Xunta no prazo máis breve posíbel e presentar proxecto de orzamentos a mediados do próximo mes de outubro.
O día 20 dese mes sería a data en que o novo conselleiro de Economía podería presentar o documento. Na mesa de Xosé Ramón Fernández Antonio está xa outra petición prioritaria: a determinación das demandas arredor dos défices de investimento en Galiza de cara á súa posíbel inclusión nos orzamentos xerais do Estado.
Sobre este último punto serán importantes tamén as conversas e a próxima visita do presidente do goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero. Touriño confirmou que a finais deste mesmo mes terá unha entrevista co presidente do executivo español, onde os potenciais investimentos para Galiza nos próximos orzamentos do Estado serán asunto prioritario.