O proceso de adxudicación das canles de tv dixitais debera terse considerado coma "unha oportunidade para consolidar o audiovisual galego coma un sector estratéxico", advertiron esta semana representantes da Asociación Galega de Produtores Independentes, Agapi. Na convicción de que o primeiro paso dado polo anterior executivo liderado por Manuel Fraga, que lle concedeu á COPE unha destas licencias, non foi o mellor para Galiza, piden que o novo goberno revise esta actuación.
Na opinión do colectivo, da que se fixeron eco este mércores en rolda de prensa os produtores Pancho Casal e Javier Valiño, a ausencia do proceso da convocatoria do consello asesor de telecomunicacións e audiovisual xa sería motivo abondo para proceder á anulación desta licencia, da que se beneficiaron o Grupo Voz, editor de La Voz de Galicia, e a Cadea Cope, da Conferencia Episcopal.
Agapi non pedirá directamente a impugnación destas concesións, pero si subliñan dende a Asociación que esa tarefa debe acometela o novo goberno de PSdeG e BNG. "Desa decisión vai depender en gran medida o futuro da industria audiovisual", afirmou Pancho Casal, de Continental Produccións.
Ao fío, lembran o paradoxal de que o goberno Fraga privilexiase un proxecto, o da Cope, que propoñia a contratación de só 40 profesionais, fronte ao excluído, que contaba co apoio das empresas editoras de todos os xornais galegos en papel e estaba liderado pola empresa Filmax, e que aseguraba a contratación de 200 traballadores. Insisten ao respecto que se trata dunha oportunidade clave para consolidar e relanzar o sector audiovisual, que brincaría en pouco tempo a involucrar a dez milleiros de persoas, fronte aos dous milleiros da actualidade.