Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIRA XUNTANZA CO PRESIDENTE EN SAN CAETANO

Xunta, sindicatos e empresarios acordan poñer a andar dende setembro unha mesa de diálogo estábel

Os representantes sindicais saíron da reunión deste mércores co novo presidente do executivo galego, Emilio Pérez Touriño, coa convicción de que a creación de emprego vai ser liña de actuación prioritaria para esta lexislatura. A propia creación dunha consellaría de Traballo, á fronte da cal estará o socialista Ricardo Varela, foi valorada moi positivamente polos responsábeis de UXT, CIG, CCOO e a CEG. Logo desta primeira toma de contacto, as xuntanzas de traballo entre o goberno e os axentes sociais comezarán en setembro.

- 13:03 03/08/2005
Tags:

Xa que logo, todas as partes amosaron a vontade de acordar un programa estábel de diálogo con canles de participación ben definidas entre goberno e axentes socio-económicos de cara a "lograr acordos para establecer un pacto polo emprego que afronte a precariedade laboral e mellore a calidade do emprego".

Xosé Antonio Gómez, Xesús Seixo, Xan María Castro e Antonio Fontenla, responsábeis respectivamente dos sindicatos UXT-Galicia, CIG, CCOO-Galicia e da Confederación de Empresarios de Galicia, acudiron con este obxetivo este mércores en San Caetano, ao despacho do novo presidente da Xunta. Tratábase dun primeiro chanzo formal cara ao prometido pacto polo emprego e a economía, que debera iniciarse coa creación dun foro estábel de diálogo entre os axentes sociais.

O "pulo do emprego de calidade, estábel, vencellado a unha economía competitiva e aberta aos mercados e sectores de futuro", aparece coma o primeiro dos obxetivos principais recollidos no acordo de PSdeG e BNG. Eixo destacado dos programas cos que as dúas formacións políticas acudiran ás pasadas eleccións autonómicas, o propio Touriño destacara en repetidas ocasións despois de coñecérense os resultados do 19X, que esta sería meta decisiva da nova acción de goberno. Nese sentido, o "intercambio fluído de ideas e propostas" con sindicatos e patróns aparecía coma paso imprescindíbel.

O acordo de socialistas e nacionalistas recolle especificamente a necesidade de crear emprego estábel "e con dereitos", dándolle oportunidades de emprego aos colectivos con maiores dificultades, "aumentando a taxa de actividade, reducindo o desemprego, a precariedade e a alta siniestralidade laboral, corrixindo os desequilibrios territoriais no mercado de traballo de Galicia e loitando contra as discriminacións que sofren as mulleres, a xente moza, os inmigrantes e os traballadores de máis idade".

O conxunto de medidas inicialmente propostas para acadar ese obxetivo inclúe a promoción da estabilidade nos cadros laborais coma criterio á hora da adxudicación de contratos coa administración, a dotación ás inspeccións de traballo e mesas de control de medios necesarios para combater prácticas irregulares, a reforma do conxunto das políticas activas de emprego, a reforma do Servizo Público de Emprego reforzando o seu labor de intermediación e orientación, ou o deseño de plans territoriais en colaboración con corporacións municipais e axentes económicos e sociais locais.


0/5 (0 votos)