Nin un mes durou a tranquilidade en Sudán. O goberno árabe do norte e mais os rebeldes pretos do sur chegaran hai 3 semanas a un acordo para rematar con 21 anos de guerra civil, coa consecución dun goberno de concentración onde o líder rebelde John Garang ocuparía a vicepresidencia. Un misterioso accidente de helicóptero rematou coa vida de Garang e, quizais, coa fráxil paz. O novo líder sureño, Salva Kiir, pediu tranquilidade aos seus seareiros, pero xa houbo 36 mortos nas protestas da capital Ghartum.
Salva Kiir, novo líder do movemento rebelde preto do sur do Sudán, manifestou a súa vontade de que continúe o proceso de paz, e de apoiar o goberno de concentración. Kiir, que participou nas conversas que levaron ao histórico acordo, foi rapidamente escollido como novo voceiro do Movemento de Liberación Popular do Sudán (SPLM), e prevese que tamén en breve ocupe a vicepresidencia que deixou baleira Garang.
Pero a morte de Garang desencadeou numerosas protestas étnicas no país, en particular nos arrabaldos da capital Ghartum. As cifras falan xa duns 36 mortos nas liortas entre negros e árabes, e tamén nas accións represoras da policía sudanesa. George Bush ca anunciou o envío de tropas estadounidenses para axudar no mantemento da paz.
Non existen causas oficiais do accidente de helicóptero, pero nin as fontes oficiais do movemento rebelde, nin o goberno, nin tampouco a familia, contemplan a posibilidade dun atentado. O corpo de Garang percorrerá as principais cidades do sur do Sudán, antes de ser soterrado nun funeral de estado na vila de Juba.