Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TERAPIA CLOWN EN COMPOSTELA

Improvisación e gargalladas a pé de rúa, Sete Magníficos (máis un)

A revolución de risos que estende a festa na primeira semana de agosto pola capital galega chega da man do Festiclown, iniciativa argallada pola vizosa factoría da Cooperactiva Cultural. De aí xurdiron á súa vez os Sete Magníficos+1, compañía nacida para darlle estabilidade á oferta clown dende terras galegas. Falamos con Iván Prado, o seu director.

- 13:38 02/08/2005
Tags:

Seica non vai haber "clown" nos actos políticos que vivimos estes días?
Algo haberá. Pensemos que moitas veces hai paiasos que nin sequera saben que o son. De feito, un dos clásicos da escena dos últimos anos foi o anterior presidente da Xunta. Xa o dixemos dunha vez na TVG e curtáronnos, pero hai que lembrar que iso é así, o clown tenta facer rir a partir do ridículo, e sen nada é capaz de crear historias e sen ter dito palabras entendíbeis ao final a xente érguese e aplaude. É unha verdade escénica.

E de onde xurden estes Sete Magníficos (máis un)?
Do propio Festiclown. Dentro do proxecto global estaba a difusión e o traballo a prol do Clown. En Galiza non existían compañías estábeis, había xente que a título individual facía cousas, pero ningún grupo con continuidade. Xa que logo, e despois de virmos organizando cursos de formación ao longo dun tempo, en 2001 decidimos seleccionar un grupo de xente e darlle inicio ao proxecto dos Sete Magnificos. O éxito foi grande, e chegamos mesmo a ser dirixidos por Carlo Colombaioni nun espectáculo.

Cóntanos desa colaboración con esa referencia do Clown que é Colombaioni?
É o pai, ou un deles, do clown moderno. É un actor que vén da familia do circo, un dos grandes nomes e mitos do clown. E o noso traballo con el foi moi intenso, moitos días e horas reproducindo as farsas da familia Colombaioni. De aí xurdiu Manicomio só para Clowns, dirixida polo propio Colombaioni, que reproduce un espazo de clowns que á fin da obra se descobre coma un manicomio. A partir desa obra, que fixemos na súa versión longa, mesmo con efectos de luz e xogos de sombras, desenvolvemos unha versión reducida, que bautizamos O gordo e o calvo e que, por exemplo, levamos a Chiapas hai poucos meses.

Por certo, de onde sae ese nome, Os Sete Magníficos máis un?
Inventámolo así de súpeto. Unha ocorrencia de última hora tomando unhas cervexas. Partindo de que eramos daquela sete actores e actrices... máis un claro, o director. Agora mutou e somos entre catro e cinco persoas, algunhas participando noutros proxectos teatrais.

O voso repertorio xa inclúe varias propostas, como as Cinsentas Desclowntroladas...
Si, iso xurde de feito dunha versión reducida dos Sete Magníficos, o que lle chamamos "Dous son Compañía", que veñen sendo os actores da compañía actuando por parellas. Esta revisión do vello conto acadou moito éxito entre o público de festivais coma Andorra ou Madrid. Impacta moito no público, malia que pode ser máis complicado de ver e o seu discurso feminista e manifestamente político se dirixe a un público estritamente adulto. Obras coma esta naceron da improvisación da compañía.

Esa improvisación tén moito peso nos espectáculos?
No noso método si. Temos feito outras cousas menos clown, pero as partes máis orixinais dos espectáculos sempre xurden da improvisación. Sexa do 10, o 15 ou o 20 por cento, nunha representación, a improvisación usámola coma investigación e xa logo fíxase e incorpórase ao habitual das presentacións. Sempre hai unha marxe de manobra neste sentido. E non hai que esquecer que o público participa do espectáculo e que iso tamén modifica a obra sobre a marcha.

E ao respecto concreto destes "Munipas Desclowntrolados" que veñen de chegar a Compostela?
Iso é un espectáculo moi noso. Nun sketch de Colombaioni aparecían uns gardas municipais. Nós démoslles vida a través da improvisación e agora son dous personaxes moi definidos. Dirixen o tráfico das bicis, pídenlles os papeis á xente, arremedan inauguracións de Fraga ou el-Rei...

O circo deixa a carpa para gañar a rúa? Gaña moito o clown a pé de rúa?
Foi un cambio radical. Os clowns sempre existiron en diferentes formas na historia, e unha delas foi o circo. Agora veñen outras. Pero os clowns tamén andan polos escenarios ou mesmo pola tele. Pensemos por exemplo que os Tonechos, sobre todo no seu inicio, facían, aínda no seu estilo particular, un espectáculo de clown, mesmo de clown tradicional. Exemplo de clown televisivo tamén son Pedro Reyes ou Leo Bassi, que están nesta mesma edición do Festiclown. Si é certo que o clown necesita do público. Un bo espectáculo cun público receptivo facilita a implicación.

Contábasnos antes da vosa visita a Chiapas, a dimensión solidaria do voso proxecto tamén é importante, que tedes preparado a curto prazo por ese lado?
Estivemos en xaneiro en Chiapas e aí quedou pechado o proxecto de creación dunha escola de paiasos zapatista. Entre setembro e outubro voltaremos á zona para impulsar ese proxecto.


Ligazóns

0/5 (0 votos)