"É a culminación dun proceso impulsado pola cidadanía", destacou Emilio Pérez Touriño logo de prometer "ser fiel ao mandato coma presidente da Xunta", no acto oficial de toma de posesión coma no cargo celebrado este martes no Parlamento.
"A miña primeira mensaxe é para os cidadáns, aos daquí e aos que están fóra", dixo Touriño, "Defenderei os intereses da miña terra por riba de calquera outros". "Dialogarei e escoitarei", subliñou, "Galiza é unha tarefa común". O novo presidente recuperou as claves do que xa fora o seu discurso de investidura para garantir "os máis amplos acordos nos aspectos cruciais" coma "liña imperturbábel do novo goberno". Asimesmo gabou a "xeira nova diante da que está Galiza" cun "goberno inédito formado por vez primeira pola socialdemocracia galeguista e o nacionalismo democrático" e garantiu unha estabilidade baseada no "permanente exercicio do diálogo".
De paso, insistiu en que "a historia recente identifícase coa historia do noso autogoberno" precisando que "o autogoberno foi bo para Galiza, coma plataforma de progreso e instrumento de cohesión social" e lembrou que "agora chega o momento de profundizar niso", asegurando que nunca se fará "nin dende a tutela nin a submisión".
A presidenta da institución, Dolores Villarino, deu inicio ao acto, agradecendo a presencia do ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla, que acudía en representación do presidente do goberno central. "Con isto pechamos un proceso aberto o pasado 19 de xuño no que se conformou unha nova maioría política", dixo. Villarino agardou o "esforzo para propiciar o achegamento entre os cidadáns e os responsábeis políticos" e convidounos a participar "nun proxecto ilusionante para a conformación dun país plural, incluínte e solidario". A presidenta do Parlamento subliñou a súa vontade de converter a institución no "epicentro da vida política do país" e subliñou que "é o momento dos cidadáns, de escoitar as súas inquedanzas e problemas". A continuación deulle paso ao secretario da Mesa do Parlamento, Pablo López Vidal, quen leu o decreto 1008/2005 do 30 de xullo, que asina o nomeamento de Touriño coma novo presidente.