Os titulares saíntes de cada unha das consellarías do que foi último executivo liderado por Manuel Fraga teñen ata o próximo xoves para baleirar os caixóns dos seus despachos en San Caetano. Nesa altura deixarán de ser conselleiros en funcións e producirase o acto oficial de toma de posesión dos novos conselleiros. A partir daquela poderá ir coñecéndose a nova estrutura e equipos que conformará cada consellaría.
A comisión mixta para o traspaso de poderes escenificará este mesmo mércores a xuntanza dos catorce conselleiros que cesan nas súas funcións e a ducia de novos responsábeis de cada unha das áreas que conformarán desde agora o novo goberno bipartito de PSdeG e BNG. Aos que foron conselleiros do goberno Fraga tocaralles poñer ao día da actividade en cada departamento aos seus relevos.
Compatibilización de cargos
PSdeG e BNG teñen vontade inicial de que os conselleiros que teñen á vez escano no Parlamento non renuncien polo momento ao seu asento, podendo compatibilizar as dúas actividades e garantindo a súa presenza nos dous plenos mensuais onde se producirán votacións que requiran da maioría absoluta de socialistas e nacionalistas para botar adiante os proxectos do bipartito.
Lembrámoslles que de entre os conselleiros son deputados os socialistas Ricardo Varela, Xosé Luís Méndez Romeu, e Pachi Vázquez e os nacionalistas Fernando Blanco e Ánxela Bugallo. Inicialmente, dende os dous partidos indicárase a conveniencia de que os deputados demitisen dos seus escanos para non condicionar as votacións cos seus traballos. Nun primeiro momento, decidiuse que á fin isto non sexa, pero de producirse esa decisión entrarían na cámara galega María Xesús Vázquez, Miguel Anxo Fernández e Áurea Soto, polo PSdeG, e Ana Luísa Bouza e Manuel Parga polo BNG.
O proceso de conformación da nova estrutura da Xunta
Aos nomes de Fernando Blanco, como secretario xeral de Comunicación da nova Xunta, ou Gumersindo Guinarte, coma secretario xeral técnico na consellaría de Presidencia, iranse unindo nos próximos días novos nomes para ocuparen as diferentes secretarías xerais do organigrama da Xunta. Alén dos movementos nas consellarías, media ducia de secretarías xerais dependen directamente de presidencia e vicepresidencia, respectivamente. Trátase no primeiro caso da secretaría xeral de Política Lingüística, da secretaría xeral de Comunicación e da secretaría xeral para a Emigración. No caso da vicepresidencia que asome Anxo Quintana, dependerán de xeito directo a dirección xeral de Relacións Institucionais, a dirección xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social e outras derivadas da que viña sendo consellaría de Familia, Xuventude e Voluntariado, agás as competencias da dirección xeral do Deporte.
O PSdeG confirmou a vontade de que os propios conselleiros teñan liberdade para definir os seus equipos. Malia todo, dende o próximo xoves poderán poñer en común as súas propostas co partido, e en última instancia co presidente Touriño, quen tería a última palabra. Do mesmo xeito, existe a vontade de realizar unha xuntanza posterior a nivel do bipartito para consensuar co BNG eses nomeamentos e descartar a existencia de calquera tipo de problema ou fricción neste proceso antes da súa publicación.