Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O FUTURO INCERTO DO PPdeG

Os candidatos posíbeis ao relevo de Fraga cavilan posición

Manuel Fraga recoñeceu o pasado xoves que no vindeiro Congreso sucesorio que afrontan os populares "pode haber e probablemente haberá máis dun candidato". Ao respecto, Alberto Núñez Feijoo, presunto favorito de Fraga e de Madrid e o mediaticamente mellor colocado logo das últimas eleccións, declarou este domingo para os micrófonos da Cadena Ser ter aberto un proceso de "reflexión interna" para decidir se será candidato a esa sucesión.

- 06:27 01/08/2005
Tags:

O que foi na última lexislatura vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, en substitución do eterno candidato Xosé Cuíña, recoñeceu que na súa cabeza está a posibilidade de optar ao relevo de Manuel Fraga á fronte do PP en Galiza, malia insistir en que está reflexionando sobre o asunto e que se presentará se "chega a esa conclusión".

Feijoo dixo estar a favor da posibilidade insinuada por Fraga a pasada semana de que a esa cita congresual se chegue con máis dun candidato, gabando que "todos os que crean que poden ser unha alternativa" se presenten e convidando aos militantes que "se atopen con forzas". "Ninguén debe permanecer fóra desa posibilidade", subliñou. Sobre as súas posibilidades persoais, Feijoo comentou que presentaría candidatura no caso de verse con "capacidade, forza e seguridade" e deixou aberta así e todo a opción de "apoiar a outro compañeiro" en último caso.

Lembrámoslles que Fraga avanzou que "en Madrid xa están de acordo na idea do Congreso" para a sucesión e dixo agardar que a data estivese decidida antes do remate das vacacións. Admitiu de paso que neste Congreso sucesorio "pode haber e probablemente haberá máis dun candidato", pero destacou que "o importante é que se poida facer todo dentro do consenso".

Fraga tamén se referiu daquela á necesidade de debater nese Congreso sobre o novo ciclo que se abre para o PP. "É evidente que se abre un período onde temos que reconsiderar a nosa relación coa sociedade, que cambiou nos últimos tempos", recoñeceu sobre o futuro a curto prazo dos populares galegos, logo de ser preguntado pola sintonía do conselleiro de Pesca en funcións, Henrique López Veiga, coa chamada que dende Cataluña fixo Piqué a virar o PP ao centro. Defendeu que el mesmo tería sido "o primeiro que teorizou sobre a palabra centro en España" e analizou que "se cadra o centro social e político non coincide hoxe co centro de hai uns anos".

Fraga comentou que a sociedade "é máis urbana, tén unha estrutura familiar distinta, e unhas influencias sobre os valores morales diferente". Na súa opinión "todo iso fai necesario un gran Congreso dos que os grandes partidos saben facer a tempo". O fundador do PP subliñou que os populares "chegaron a ser o partido maioritario en España ata os atentados de Atocha, cando aínda tiñamos unha maioría clara".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: