Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SESIÓN DE INVESTIDURA

Touriño anuncia como prioridade do goberno a recuperación do défice histórico

"Recuperar o défice histórico que este país ten acumulado" en case todos os ámbitos. Éste é para o candidato á presidencia da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o obxectivo prioritario do novo goberno. Na súa réplica ás intevencións dos portavoces das tres forzas políticas da Cámara galega, Touriño agradeceu o apoio á súa candidatura aos deputados socialistas e nacionalistas e defendeu a coherencia dun programa de goberno "que recolle e sintetiza os compromisos programáticos do PSdeG e do BNG".

- 13:13 29/07/2005
Tags:

"Únenos un galeguismo cívico e solidario e unha vontade de integración", afirmou Touriño en relación co acordo de goberno. O candidato socialista lembrou que é un síntoma de normalidade democrática non só o feito de que se produza a alternancia de goberno, senón tamén que o novo executivo se conforme en base a un goberno de coalición "tal e como acontece nun gran número de países do noso contorno europeo".

Touriño afirmou que a prioridade do seu goberno será recuperar o défice histórico de Galiza "do que é tamén corresponsábel o goberno da Xunta dos últimos 16 anos". Neste sentido, Touriño prometeu que o seu primeiro labor como presidente da Xunta será "negociar co goberno de España para iniciar o camiño da recuperación do défice acumulado, ou da débeda histórica, como din os nacionalistas".

Outra das prioridades do novo goberno será, segundo Touriño, "iniciar a reforma do Estatuto en base a un gran acordo nacional galego".

Retruque á intervención de Fraga
"Agradézolle a oferta dunha oposición leal e construtiva", díxolle Emilio Pérez Touriño a Manuel Fraga, "eu serei leal e cooperativo coa oposición e a Cámara será un espazo para o diálogo e o encontro", prometeu. A continuación, advertiulle ao líder dos populares que "sería fácil devolverlle as críticas poñéndolle o espello da súa propia actuación, do que fixo e do que non fixo. Pero eu non caerei na tentación de facer oposición da oposición"

O candidato socialista lembroulle a Fraga que "vostede mesmo dixo no anuncio da súa candidatura que se presentaba para evitar o cambio en Galiza". "870 mil galegos, o 53% dos votantes, dixeron que querían un goberno novo, e 140 mil menos dixeron que querían que seguise o mesmo. Ese é o resultado, e ninguén entendería que fose doutro xeito", destacou. Segundo Touriño, a dobre conlusión que sae deses datos é que "o proxecto do cambio tén o apoio dos cidadáns e que Galiza é un país plural e complexo onde non se pode seguir gobernando como até agora, minorizando e incluso desprezando a aunha parte da sociedade". "Preocúpese por manter a unidade dos 37 deputados que sentan atrás de vostede", díxolle ao líder dos populares, "nós xa nos preocuparemos da estabilidade da nosa coalición".

Segundo o voceiro socialista o resultado das eleccións apoia tamén "unha práctica política diferente ao período anterior". Touriño exemplificou esa necesidade na denuncia dunha "CRTVG que foi incapaz de exercer a súa tarefa dende a independencia" e lembrou o compromiso de que no primeiro ano de goberno se poña en marcha "unha lei que garantirá a independencia da radio e a televisión públicas" e que "o presidente da Xunta renunciará a esa potestade de nomeamento do director xeral da CRTVG". Prometeu ademais mudar "a confusión que vostedes tiñan entre partido e goberno no manexo da publicidade institucional" e o desenvolvemento "dunha nova lei de subvencións que garanta transparencia, equidade e suficiencia".

Ao fío criticou a "relación de subordinación, clientelar" que o goberno do PP tería establecido cos concellos e puxo na mesa datos concretos: "ás portas das eleccións, entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo, unha ollada ao DOG amosa que o 95% dos investimentos da consellaría de Política Territorial foron en concellos gobernados polo PP, e o 5% restante foi en concellos gobernados por independentes próximos ao PP. Cero investimentos cos concellos do PSOE ou do BNG". "Os cambios nos hábitos do exercicio do poder son fundamentais no impulso da modernización que queremos", subliñou.

Fondos europeos
Touriño advertiu que a negociación para que Galiza siga recibindo fondos europeos será un dos desafíos dos próximos anos. O candidato socialista lembrou que en 2004 o goberno Aznar maostraba a súa satisfación polo feito de que o Estado español "chegara a unha situación na que non se precisaba dos fondos europeos" e optou pola súa supresión. Fronte a isto, Touriño sinalou que o goberno Zapatero "xa mellorou a posición de España na negociación perate a UE". "Na actualidade acéptase a gradualidade na redución de fondos e contaremos cunha ampliación de 2 anos máis, amais de lograr unha mellora do fondo neto".

Con todo, para Touriño, o fundamental é "asumir un modelo propio de desenvolvemento económico" que cambie as tendencias negativas da economía galega.

Touriño rematou a súa intervención de réplica destacando que "á a primeira vez que os orzamentos do Estado superan para Galiza ampliamente a media por habitante", lembrando que durante os anos do PP en Madrid "estivo moi lonxe desa media, incluso no ano do Prestige, cando estabamos sete puntos por baixo, en segunda división". Insistiu nesa liña que "o maior volume de recursos orzamentarios para Galiza" chegou co goberno de Zapatero", insistindo en que "son os mellores orzamentos da historia para Galiza".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: