O presidente do grupo parlamentario do PP, Manuel Fraga Iribarne, lembroulle a Touriño que "accede vostede á presidencia da Xunta liderando o segundo grupo da Cámara" e que "en todas as comunidades autónomas, agás en Cantabria, goberna a forza máis votada". Fraga prometeu unha "oposición leal, construtiva e responsábel" e fixo unha referencia ao artefacto que estalou en Santiago o pasado 25 de xullo, xunto ao terrorismo de ETA e do que actúa a nivel internacional, para ofrecer a súa colaboración ao novo goberno "para preservar a paz social".
Fraga Iribarne felicitou ao vindeiro presidente da Xunta e desexoulle "éxito" na súa xestión, pero lembroulle que vai gobernar en base a "un programa que o pobo galego non votou" e que está dirixido unicamente "a botar ao PP da Xunta". O voceiro "popular" cualificou o acordo de goberno entre o PSdeG e o BNG como "incompleto, inconcreto e sen medidas específicas".
Fraga Iribarne criticou o feito de que no acordo de goberno se introducise unha cláusula de lealdade entre os dous socios. Para Fraga, isto "non significa máis que existe unha fonda desconfianza" entre as dúas forzas.
Cinco grandes pactos posíbeis
Manuel Fraga propúxelle ao novo goberno a posibilidade de chegar a consensos no contorno de cinco grandes temas: autogoberno, infraestruturas, financiamento autonómico, reforma local e reforma do Estado das autonomías.
No que lle toca ao autogoberno, Fraga asegurou que o PP apoia a apertura do proceso de reforma estatutaria nesta lexislatura, comentando que os populares xa tiñan iniciado movementos neste sentido na lexislatura pasada e subliñou que o apoio do PP dependerá de que a reforma "estea dentro dos límites da Constitución". Fraga dixo ver, en referencia ao discurso anterior de Anxo Quintana, a posíbel vontade de saír deses "límites constitucionais".
"A constitución di que España é unha única nación indivisíbel", subliñou, para a continuación facer a suma do "millón trescentos mil votos de PP e PSdeG" que apoiarían esa definición e asegurar que "o 70% dos galegos apoian o actual modelo autonómico". Ao respecto do autogoberno comentou tamén que "o pacto de goberno suscrito por vostedes menciona só a reclamación de cinco competencias novas, mentres que nós pediamos recentemente un total de 33 transferencias".
A continuación, falou da necesidade de "reivindicar o Plan Galiza" e insistiu no "efecto multiplicador" que terían os investimentos previstos cara ao 2010 "permitindo a nosa converxencia e o pleno emprego". "Non agardabamos que vostedes asinasen a defunción do Plan Galiza", reprochoulles a socialistas e nacionalistas. Fraga debullou o presunto "incumprimento dun Plan co que se comprometera o propio Zapatero e do que o seño Touriño se ofreceu coma garante".
O terceiro gran punto onde Fraga pide chegar a un consenso é no financiamento autonómico, asunto no que o voceiro dos populares lle advertiu aos socialistas que "algúns dos seus correlixionarios queren rachar co modelo de solidariedade". Segundo o líder do PPdeG, "temos dereito a mellorar, pero de xeito multilateral, xa que negociar doutra maneira, volverase contra nós".
Un cuarto tema para o pacto ofrecido foi a reforma local, onde Fraga asegurou "compartir a necesidade de mellorar o financiamento dos concellos e garantirlles o recoñecemento das súas competencias". Ao respecto ofreceu as propostas coas que xa traballa a Fegamp presidida polo PP e advertiu do peso do poder municipal do seu partido en Galiza.
Por último, ofreceu "un gran pacto pola reforma do Estado das autonomías", que debera incluír un novo papel para Galiza no Senado, na Conferencia de Presidentes e nos ámbitos de participación da Unión Europea.