Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SESIÓN DE INVESTIDURA

Quintana di que "o benestar só é posíbel con políticas feitas dende Galiza e para Galiza"

"Máis autogoberno é máis benestar", defendeu o voceiro do Bloque no seu discurso. Anxo Quintana destacou así a necesidade dunha "norma básica para afrontar os retos que Galiza enfronta no século XXI" e lembrou que o contrato de goberno que acordaron PSdeG e BNG "asome esa prioridade, con propostas e prazos concretos". Ao tempo, lembrou a vontade de traballar pola "reparación da débeda que o Estado tén con Galiza".

- 11:15 29/07/2005
Tags:

"Acadaremos ser respectados como nación", asegurou o líder do BNG, "é hora de que Galiza exerza coma nación", insistiu, prometendo alentar o debate sobre o modelo de Estado e traballar pola introducción da "vía galega" nese diálogo. "Deixemos de ser espectadores e pasemos a ser protagonistas", pediu, a prol da conformación dun Estado "plurinacional, cooperativo, aberto e solidario".

Quintana advertiu que Galiza non pode renunciar a un novo Estatuto "por temor, conformismo ou comenencia" e subliñou que a reforma estatutaria "é chave dun futuro mellor para os galegos". Nese sentido criticou que se pretenda "confundir" aos cidadáns "negándolle a importancia que tén" a un novo Estatuto. Ao fío falou da capacidade de defender os intereses pesqueiros de Galiza, da posibilidade dunha planificación universitaria propia ou do futuro enerxético do país e preguntou "se iso non é falar dos problemas e ilusións dos galegos?".

O voceiro nacionalista convidou "especialmente ao PP" a ser "ambiciosos" e a afrontar o debate con "tolerancia" e vontade de "consenso", chamando a un pacto para mellorar a "calidade da democracia galega". "O novo estatuto é a grande oportunidade de modernización de Galiza", dixo, "para decidir sobre as causas que lles afectan e lles importan aos cidadáns".

O pagamento da "débeda do Estado con Galiza"
Anxo Quintana opinou que "o 19 de xuño os cidadáns galegos enterraron ese artefacto chamado Plan Galiza, apostando por outro modelo", e lembrou que o pacto do bipartito establece prazos e propostas para o inicio da negociación co goberno español "do défice estrutural galego" especialmente nos ámbitos da "educación, sanidade e infraestruturas".

Explicou que o nacionalismo traballará "dende o diálogo e con firmeza, sen demagoxia e sen inventar agravios, pero sen ceder un milímetro" pola satisfacción "da esencia das demandas de Galiza". Concluiu pedindo un pacto nacional que fixe "a postura do país para que a sociedade civil galega poida estar unida na reclamación do papel que lle corresponde dentro do Estado".


Ligazóns

0/5 (0 votos)