Texto íntegro, traducido ao galego. Versión orixinal en inglés.
O IRA, Oglaigh na hEirenn, ordenou formalmente a fin das campañas armadas, que se fará efectiva a partir das catro desta tarde.
Ordeóuselles a todas as unidades do IRA que pousasen as armas.
Ordeóuselles a todos os Voluntarios que axuden ao desenvolvemento de programas puramente políticos e democráticos mediante vías exclusivamente pacíficas.
Os Voluntarios non deben participar en ningunha outra actividade. A dirección do IRA tamén autorizou o noso representante a comprometerse coa Comisión Internacional Independente do Desarmamento para completar a verificación da entrega das armas, e para facelo de xeito que medre a confianza pública e que remate o antes que se poida.
Convidamos dúas testemuñas independentes das igrexas protestante e católica para dar fe.
O Consello do Exército tomou estas decisións logo dun debate interno e dunha consulta sen precedentes coas unidades do IRA e cos Voluntarios.
Aprezamos o xeito claro e sincero co que se desenvolveron as consultas e mais a fondura e o contido das propostas.
Estamos orgullosos da forma amigábel coa que se levou este debate verdadeiramente histórico. O resultado das nosas consultas amosan a forza do apoio á estratexia de paz do Sinn Féinn entre os Voluntarios.
Tamén atopamos unha ampla preocupación en relación co fracaso dos dous gobernos e con respecto a que os unionistas se comprometan de cheo no proceso de paz.
Isto provocou serias dificultades. A abrumadora maioría do pobo de Irlanda apoia plenamente este proceso.
Eles e os amigos da unidade irlandesa que hai por todo o mundo desexan que se aplique enteiramente o Tratado do Venres Santo.
Malia estas dificultades, creuse que esta decisión podería facer avanzar os nosos obxectivos republicanos e democráticos, incluída a meta dunha Irlanda unida.
Cremos que agora existe unha vía alternativa para acadalos e para pórlle fin ao dominio británico no noso país. É responsabilidade de todos os Voluntarios demostrar capacidade de liderado, determinación e coraxe.
Somos moi conscientes do sacrificio dos patriotas mortos, daqueles que foron ao cárcere, dos Voluntarios, das súas familias e da amplísima base republicana.
Reiteramos a nosa visión de que a loita armada foi totalmente lexítima. E somos conscientes de que moita xente sufriu con este conflito.
Déuselle un mandato a todas as partes, que foi o de construír unha paz xusta e duradoira. A defensa das comunidades nacionalista e republicana medrou con nós.
É responsabilidade da sociedade asegurar que non volven producirse dos pogromos de 1969 e principios dos setenta.
E é responsabilidade de todos combater o seitarismo en todas as súas formas.
O IRA está plenamente comprometido cos obxectivos da unidade irlandesa e da independencia, e mais coa construción da república que deseñou a proclamación de 1916.
Facemos un forte chamamento á unidade e ao esforzo dos republicanos irlandeses do mundo enteiro. Confiamos en que traballando xuntos os republicanos irlandeses poderemos acadar os nosos obxectivos.
Todos os Voluntarios son tamén conscientes da importancia das decisións que tomamos e todos os Oglaigh deberán cumprir por completo estas ordes.
Temos agora unha oportunidade sen precedentes para utilizarmos as nosas considerábeis enerxía e boa vontade a prol do proceso de paz.
Esta serie de iniciativas sen igual é a nosa contribución a este proceso e ao esforzo continuado de conseguir a independencia e a unidade para o pobo de Irlanda.