Manuel Fraga Iribarne ten programado visitar o vindeiro sábado varios concellos da provincia de Lugo en calidade de presidente da Xunta en funcións, un día despois de que o parlamento elixa ao novo presidente do goberno galego. Segundo Europa Press, a Dirección Xeral de Protocolo da Xunta remitiulles unha circular aos alcaldes destes concellos (Samos, O Incio, Bóveda, A Pobra de Brollón, Quiroga e Folgoso do Caurel) co programa do "Excelentísimo Señor Presidente da Xunta". Segundo a lexislación vixente, Fraga Iribarne segue sendo presidente en funcións até a toma de posesión do seu sucesor, prevista para o martes, día 2 de agosto. Até daquela, Touriño terá a a consideración de presidente electo.