Alén do propio decreto co que pretenden deixar colocados a máis dun milleiro de cargos afíns, o PP bota man neste treito final de mandato doutras manobras para arranxarlle praza fixa a militantes e parentes, segundo denuncia a CIG. O sindicato recupera as advertencias que xa fixera ás portas da cita coas urnas do 19X e destaca especialmente o uso dos organismos e fundacións dependentes da administración autonómica para estas prácticas.
A Fundación Deporte Galego, o Centro de Transfusións de Galiza ou o Centro Tecnolóxico da Carne son algunhas das institucións onde se veñen detectando este tipo de irregularidades en procesos de contratación, segundo avisa a CIG.
A formación sindical remitiulle as advertencias por escrito aos conselleiros respectivos responsábeis destes centros, os de Familia, Sanidade e Política Territorial, subliñándolles que poñera en coñecemento do próximo goberno bipartito toda a información polo miúdo sobre estas actuacións irregulares. Ao tempo, pídenlles que paralicen esas prácticas de xeito inmediato "se aínda lles queda algo de ética e respecto polo legal".
Lembrámoslles que a CIG xa puxera como exemplo de beneficiados por estas contratacións realizadas sen atender aos criterios de "capacidade, igualdade e mérito" ao concelleiro do PP en Santiago, Xacobe Pérez, á filla do ex alcalde do PP en Ames, María Astray, ou o fillo do voceiro municipal do PP en Santiago, Miguel Rodríguez.