"O poder evitou o control social e tratou de controlar á sociedade", reprochoulle Emilio Pérez Touriño durante o seu discurso ao goberno saínte liderado por Manuel Fraga. O candidato socialista a presidir a Xunta denunciou que a práctica na administración os últimos anos estivo caracterizada pola "opacidade, partidismo e discrecionalidade" nas decisións. Touriño prometeu traballar polo cambio desa situación ao tempo que anunciaba a fin da "manipulación da radio e a televisión autonómica".
"A fidelidade política converteuse en arancel a pagar polos cidadáns", criticou con respecto ao goberno do PP. Touriño denunciou a "cultura política que impregnou" as estruturas políticas e que se lle trasladou á sociedade e insistiu en que "non é compatíbel coa democracia". Nese sentido, avanzou que a necesidade dun "cambio rápido, intenso e profundo nas prácticas políticas".
Contra iso, prometeu promover dende o goberno "a transparencia e a limpeza" en todos os procedementos da administración, "revitalizar o Parlamento" para convertelo en centro da vida política, reformando o regulamento cara a esa meta e "establecer procedementos obetivos e controlábeis no acceso á función pública".
Nesa liña inseriu a necesidade de reformar a situación dos medios públicos galegos, prometendo a rápida introducción de reformas que eviten a manipulación, comenzando polo nomeamento do director xeral da CRTVG por maioría cualificada do Parlamento. Ao tempo, confirmou que haberá tamén iniciativas para a transparencia na concesión de axudas aos medios privados e un control estreito da publicidade institucional que evite o seu uso coma "propaganda política innecesaria".