"O desenvolvemento do autogoberno foi un factor decisivo para o rexurdir de Galiza", explicou Emilio Pérez Touriño, "por iso é obvio que hai que avanzar e profundizar nese camiño". O candidato apuntou que dende a redacción do anterior Estatuto "aconteceron moitas cousas, e hoxe é necesario un novo instrumento xurídico". O pleno pódese seguir en directo a través do canal de televisión da web da Cámara galega.
Os obxetivos do novo Estatuto que fixa Touriño son:
- ampliar e asegurar os dereitos dos cidadáns
- contribuír ao desenvolvemento económico
- conseguir unhas estruturas institucionais máis eficaces e democráticas
- reforzar a identidade cultural e lingüística
- dotar a Galiza dun novo marco competencial
- acadar a presenza institucional de Galiza no exterior
Touriño precisou que "tan importante coma o contido é tamén a forma de facelo. Non só por imperativo legal, tamén por esixencia política e de sentido común". Explicou que promoverá a creación dunha comisión que redacte unha proposta no Parlamento, onde cada un dos partidos achegue as súas propostas. Segundo avanzou, a meta é que ese proceso de traballo se inicie nos primeiros seis meses e se presente no Congreso coa unanimidade das tres forzas parlamentarias galegas.
"Non necesitamos só un Estatuto que diga quen somos, tamén o precisamos para seguir progresando e estar na primeira velocidade", afirmou o candidato á presidencia da Xunta, "a identidade da nosa comunidade non é un problema para a maioría dos galegos, conscientes de estarmos nun Estado plurinacional e plurilingüe. Esa identidade específica non nos divide, senón que une".
O "maior erro" do goberno Fraga
No seu discurso, o líder dos socialistas galegos subliñou que un dos maiores erros do goberno de Manuel Fraga foi que unha vez que o PP perdeu o poder en Madrid "converteuse en ariete ao serviz da oposición do PP". Na súa opinión iso foi non só "un grave erro político" senón tamén nunha actitude que "cuestionou as bases do sistema". "Os gobernos están para cooperar na solución dos problemas dos cidadáns", dixo en dirección ao presidente da Xunta en funcións, "non hai gobernos amigos ou inimigos, senón problemas dos cidadáns que hai que solucionar".
Touriño anunciou a apertura dun proceso de diálogo e negociación co goberno español arredor dunha serie de cuestións "básicas" á fronte da cal subliñou a "necesidade de corrixir o défice estrutural acumulado de Galiza en materias de educación, sanidade ou infraestruturas".
Emprego e educación, as prioridades do novo goberno
"Cando un país non é quen de reter á súa xente nova, fracasa como país". Con estas palabras Touriño comezou o apartado do seu discurso relativo ao "primeiro obxectivo" do seu goberno, a creación de emprego. Neste sentido, o candidato socialista anunciou que "o primeiro que farei como presidente da Xunta será convocar unha reunión entre os axentes sociais", sindicatos e representantes dos empresarios, para establecer "un mecanismo estábel de diálogo" entre o goberno e os axentes sociais e comezar o traballo un "gran pacto polo emprego como obxectivo nacional". Este pacto estará alicerzado, segundo Touriño, en dous piares: a promoción de emprego estábel e a redución da temporalidade, tanto nas empresas públicas como nas privadas.
Para Touriño, "a capacidade para crear emprego depende tamén da cualidade do modelo de desenvolvemento que se aplique" e que debe estar baseado na promoción da formación e das políticas de Investigación e Desenvolvemento, as infraestrturas, a protección do medio ambiente e o equilibrio territorial. O candidato socialista prometeu dedicar o 1,5% do PIB a I+D.
No que se refire ás infraestruturas, Touriño comprometeuse a que o goberno español dedique a Galiza o 8% dos investivementos do PEIT e dos plans complementarios. Tamén anunciou que se rematarán en 2010 os corredores do Cantábrico e do Atlántico e que todas as cidades galegas estarán unidas por autovía. Ademais, o candidato socialista propuxo a creación dun Plan de transporte de proximidade para as áreas metropolitanas, a mellora da rede de ferrocarrís, a chegada dos tres de alta velocidade e o incremento da atención pública en seguridade vial.
No ámbito da política de Vivenda, Touriño anunciou a construción de 25.000 vivendas de protección oficial, 7.000 delas en réxime de aluguer.
O candidato socialista cifrou a segunda prioridade do seu goberno na educación, porque "a variábel estratéxica do desenvolvemento de cada país non será a súa riqueza material, senón o seu capital humano". Por esta razón, Touriño considerou que os investimentos realizados na mellora do sistema educativo son "o diñeiro mellor gastado". Anunciou un incremento do 20% do investimento nesta área durante a próxima lexislatura.