"Eu son contrario á pena de morte, pero cando o risco que se quere evitar é maior ou pode producir a morte de inocentes, paréceme oportuno evitar o risco". Polémicas declaracións nun curso de verán do presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo, Francisco José Hernando, que foi criticado por todos os partidos agás o PP. Segundo Hernando, a loita antiterrorista xustifica accións coma a da policía británica hai uns días, que detivo a un presunto terrorista e lle pegou oito tiros, probándose logo que era un cidadán inocente sen sequera vencello con grupo sospeitoso ningún.
"O mundo libra a terceira guerra mundial", opinou Francisco José Hernando, "é a guerra contra o terrorismo". O presidente do Supremo xustificaba así sucesos coma o acontecido en Londres co asasinato do electricista brasileiro realizado pola policía británica na inercia da alerta antiterrorista posterior aos ataques das últimas semanas. Na súa opinión, expresada durante o curso Os custos da Xustiza, organizado pola Universidade Rei Juan Carlos, en Madrid, "é necesario extremar as medidas porque a agresión sempre vén sendo inopinada e aféctalle ás vidas de inocentes que hai que protexer".
Dende o PSOE criticaron que o presidente do CXPX "xustifique un homicidio polo que xa se disculpou o propio goberno británico", mentres dende IU pide que "demita" ou que o fagan demitir. Ao tempo, dende o colectivo Xuíces para a Democracia e outros colectivos xudiciais reproban tamén as declaracións do presidente do Supremo.
O Movemento polos Dereitos Civís cualificou de "irresponsábeis" as palabras de Hernando e advertiu que "a perda de dereitos fundamentais crece a pasos axigantados en Europa" denunciando a tendencia detectada dende os atentados en Madrid o 11M. "A utilización, por parte da poder político, do medo como fórmula para limitar os dereitos da cidadanía sempre funcionou e está a funcionar", explican nun comunicado. "Non podemos espera unha defensa con garantías dos dereitos da cidadanía cando o máximo representante do Poder Xudical considera que a morte dun inocente a man da policía é un prezo aceptable para garantizar a seguridade no Estado Español", subliñan.