Todo podería quedar listo dende este xoves no tocante aos novos medios dixitais, logo de que a semana pasada o Consello da Xunta lles outorgase á Cope e a La Voz de Galicia cadanseu programa de TDT autonómico. Desta volta, o Executivo en funcións fará o propio cos programas de radio e televisión dixital que aínda quedaban pendentes de seren concedidos. O PP apura os seus últimos momentos no goberno para deixar configurado o panorama audiovisual. Repartiranse 60 programas de TDT local privada a razón de tres por cada unha das 20 demarcacións dixitais que espertaron o interese das empresas de comunicación. De feito só unha desas demarcacións, a correspondente aos concellos do Eume, non será cuberta con programas locais privados por falla de ofertas. No caso da radio dixital hoxe daránse 72 licenzas, seis de ámbito autonómico e 66 de ámbito local.
O foco da atención volve estar centrado na televisión, sobre todo no reparto que se faga dos tres programas correspondentes a cada unha das grandes cidades. Cómpre ter en conta que acceder a unha licenza de TDT supón entrar de pleno na legalidade da que carecen tódalas televisións locais que emiten na actualidade.
Porén o proceso de concurso non é un proceso de regularización senón unha loita encarnizada por facerse cun programa, dado que compiten en igualdade de condicións as empresas que levan anos facendo televisión e aquelas que queren debutar no ámbito local.
Existe un desfase abultado entre os programas a concurso e o número de concursantes xa que hai 60 programas e 85 solicitudes. Quen quede fóra do reparto deberá parar de emitir e quen se faga cunha licenza só poderá facelo en dixital e dentro duns prazos moi rigorosos.
Por esta razón, o maior número de ofertas se concentran nas grandes cidades e será aí tamén onde haberá que mirar con lupa a distribución que faga hoxe a Xunta. Os números son ben claros. Por exemplo, en zonas coma Santiago e a súa comarca hai once ofertas admitidas para tan só tres programas.
Ao respecto da TDT local aínda falta por ver tamén cantos concellos deciden crear medios de ámbito comarcal. E é que o Plan técnico e a normativa autonómica tamén prevén que en cada demarcación poida haber un programa público de televisión, co que a oferta televisiva sería susceptíbel de aumentar noutros 21 programas máis en toda Galiza.
Se se fala de radio dixital a cousa non levanta tanta expectación debido a que a tecnoloxía DAB convivirá durante alomenos vinte anos coa actual da FM analóxica. A este factor únenselle a escasa penetración no mercado dos receptores necesarios para sintonizar as novas emisoras e os problemas técnicos que existen para a súa recepción cando se vai no coche. Estes inconvenientes provocan que a radio dixital teña unha escasa incidencia comercial e mediática a curto e medio prazo.
Aínda así, hoxe vanse conceder 72 programas. Seis deles son de ámbito autonómico e deses seis, tres xa están reservados para a Radio Galega. Os outros tres van para empresas privadas, igual que os 66 restantes correspondentes ao bloque de frecuencias da radio dixital local. Con todo, o Goberno en funcións non queimou tódolos cartuchos que podería queimar xa que o Plan técnico da radio dixital prevé 108 programas, 36 máis dos que saíron a concurso.