Si, de feito hai dúas maneiras para revisar o reparto e mesmo volver facelo. A primeira delas é a vía política. Segundo as fontes xurídicas consultadas, o PsdeG-PSOE e mailo BNG non poderían revocar directamente a decisión do Executivo en funcións do PP. Porén, o que sí sería viábel, aínda que complexo, é que o novo goberno declarase lesivo o acto da concesión das licenzas por parte do Consello da Xunta por non ser acorde co regulamento xurídico.
Para iso sería preciso un informe avalado polo Consello Consultivo de Galiza que ben podería estar fundamentado no feito de que fose un goberno en funcións o que tomou unha decisión tan trascendente para o país. Neste caso, quen tería a última palabra sobre a impugnación dos concursos sería o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A outra vía para desfacer o nó que deixe atado hoxe o PP sería a de que a principal prexudicada polo reparto -a plataforma composta por Filmax Entertainment e os principais xornais agás La Voz- recurrise a decisión do Consello da Xunta, ben nos tribunais ou ben mediante un recurso potestativo impugnando o reparto.
Dacordo coa lei a plataforma podería presentar ese recurso nos próximos 30 días e, desta maneira, xa sería o Consello da Xunta conformado polo novo goberno bipartito o que volvería revisar as ofertas presentadas por cada concursante. En resume, aínda podería modificarse o reparto das licenzas sempre e cando haxa unha reclamación fundada de quen quedou fóra malia cumprir os requisitos.