A democratización da vida política e pública galega é nun dos principios fundamentais do acordo de goberno presentado por socialistas e nacionalistas. Así, sinala o texto que o goberno terá como "tarefa inmediata" a revitalización democrática, "a eficacia e a transparencia no funcionamento dos poderes públicos", a eliminación do clientelismo e a manipulación informativa.
Rexeración democrática: reforma electoral e auditoría
O goberno promoverá unha lei de transparencia administrativa que incluirá un código de conduta para os funcionarios e que impulsará a publicación a través de internet das actuacións das institucións galegas, apostando pola administración electrónica. Tamén inclúe unha reforma electoral que menciona a paridade de xénero, a adecuación entre electores e deputados e as garantías de voto para os emigrantes. Como xa se avanzou nestes días, o director xeral da CRTVG escollerase "por maioría cualificada" no Parlamento, e establecerase unha "regulación transparente e obxectiva das relacións coas empresas privadas de comunicación" así como da publicidade institucional. Ademais, redactarase unha Lei de subvencións para asegurar "a concesión obxectiva e transparente das axudas públicas" e realizarase unha auditoría sobre o endebedamento das institucións galegas.
Economía: débeda histórica non, déficit estrutura
No texto do acordo non se menciona en ningún momento o concepto de "débeda histórica". Si que se sinala, porén, a necesidade de negociar co goberno estatal para "corrixir o déficit estrutural acumulado", especialmente "en materia de emprego, educación, sanidade e infraestruturas". As medidas económicas que recolle o programa inclúen a fusión do Igape, Sodiga, a SPI e as empresas xestoras de capital risco; a promulgación dunha Lei de ordenación do comercio; a creación de 20 millóns de m2 de solo industrial, ou a modernización do sector pequeiro (especialmente o marisqueo e a acuicultura). Pero entre todas as propostas económicas destaca un completo pacto para o emprego que combata a inestabilidade laboral e a fraude.
Territorio: áreas metropolitanas e impulso do rural
Conforme o acordo, o goberno "impulsará unha organización do territorio baseada en comarcas, rexións e as áreas metropolitanas". Pero sobre todo fará unha aposta pola economía agraria, creando un fondo público para a mobilidade das terras, reformando a parcelaria, promovendo un grupo lácteo galego, reformando as leis de montes, constituíndo un Banco Forestal para as producións de madeiras de calidade, e procurando a conservación dos núcleos rurais. Tamén se explicita a necesidade de localizar a factoría de ENCE fóra da ría de Pontevedra e o saneamento integral das rías. Ademais, a dun Plan de Infraestruturas de Transporte, a dunha rede de transporte de proximidade en Ferrol-A Coruña e Pontevedra-Vigo con billete único, e a dunha revisión dos proxectos de construción de encoros.
Institucións: policía autonómica e transferencias
O goberno elaborará unha Lei da Policía para despregar a "policía galega" en coordinación coas policías locais, e tamén será a de seguridade unha das transferencias prioritarias que se lle reclame ao goberno central, a canda a inspección de traballo, o salvamento marítimo e a xestión do litoral, así como a presenza institucional de Galiza no exterior. Por outra parte, promocionaranse as seleccións deportivas galegas "dentro do marco legal vixente".
Lingua: Plan de Normalización e inglés
A lingua tamén será por primeira vez un dos eixos do programa de goberno, baseado na aplicación do Plan de Normalización aprobado polo Parlamento en 2004. Ademais do aumento de contidos en galego nos medios de comunicación, crearase unha institución de promoción exterior da lingua e da cultura (sen especificar nome), promoverase o intercambio cultural cos países de lingua oficial portuguesa, e impulsarase o coñecemento da lingua entre os inmigrantes. O sistema educativo obrigatorio deberá garantir, conforme o texto, que os rapaces saian da escola con plena competencia en galego, castelán e unha "lingua estranxeira".
Sociedade de información: software libre e dominios .gz
Por primeira vez un programa de goberno inclúe no seu resumo básico contidos relacionados coa sociedade da información. Entre as medidas recollidas netse ámbito sitúase dende o grande medre da I+D co obxectivo de que acade un 1,5% do PIB en 2009, a xeralización da banda larga, o empurre ao software libre, a creación dun clúster da sociedade da información ou a reivindicación dun dominio galego en internet.
Igualdade: violencia de xénero e asistencia á emigración
O acordo de goberno traza un amplo abano de medidas para mellorar a calidade de vida dos e das galegas. Entre elas cóntanse medidas sanitarias, como a redución de tempos nas listas de espera, a xeralización da anestesia epidural, ou a redacción dun plan de coidados paliativos e de saúde mental, onde se integra a atención aos drogodependentes. Pero tamén enumera medidas sociais, como a reforma e aumento da RISGA, a xeralización da teleasistencia a todos os maiores de 70 anos que vivan sós ou o potenciamento do emprego xuvenil. Con respecto á igualdade elaborarase un plan integral de atención á discapacidade e unha lei integral contra a violencia de xénero, e promoverase a corresponsabilidade na vida familiar, a incorporación da muller aos postos directivos e a integración social e laboral dos inmigrantes. Porén, non se menciona ningunha medida con respecto a gais e lesbianas. Con respecto ao mundo da emigración, crearase unha oficina do retorno, que "facilite información sobre a inserción dos emigrantes" á súa volta, e impulsarase co goberno do estado a cobertura da asistencia social e sanitaria básica dos galegos residentes no exterior.