Dúas de dous. Os dous ciclistas galegos que participan na edición deste ano do Tour de Francia van volver a casa con cadansúa vitoria. Despois de que Óscar Pereiro conseguira o pasado martes gañar a primeira tirada dun ciclista galego na rolda gala, Marcos Serrano logrou impoñerse esta tarde na meta de Menda, no Macizo Central francés, despois de conseguir deixar atrás ao grupo de fuxidos na última ascensión do día. O francés Vasseur e o belga Axel Merckx entraron na meta a 27 segundos como segundo e terceiro, respectivamente.
O presidente da Xunta en funcións, Manuel Fraga, e o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, parabenizaron o ciclista de Chapela logo da súa vitoria, ao igual que xa fixeran con Óscar Pereiro. Fraga envioulle un telegrama en que lle transmitía a noraboa en nome da Xunta e de todos os galegos, e onde destacaba o "orgullo" dos galegos por contar cun ciclista da súa "valía e espírito de loita". Quintana dixo "gozar" desta "nova demostración" da "forza" do ciclismo galego na proba de "máis prestixio internacional". Así mesmo, amosou o seu desexo de que este non sexa o último triunfo do deporte
galego nesta competición.
17ª tirada
1º Marcos Serrano (GZ)"
2º Cédric Vasseur (FRA), a 27"
3º Axel Merckx (BEL), a 27"
12º Lance Armstrong (EUA), a 11'18"
24º Óscar Pereiro (GZ), 12'28"
Xeral
1º Lance Armstrong (EUA)
2º Ivan Basso (ITA), a 2'46"
3º Mickael Rasmussen (DIN), a 3'46"
13º Óscar Pereiro (GZ), a 17'10"
40º Marcos Serrano (GZ), a 1:16'33"