Insistindo na "aberración xurídica" que pretende o goberno en funcións, os sindicatos con representación na administración autonómica asinan conxuntamente un escrito que vén de serlle enviado á directora xeral da función pública, onde se pide a retirada do documento e a propia convocatoria da mesa de negociación para avaliar o asunto que a Xunta fixou para este venres.
Ao tempo que cualifican de "indigna" a pretensión do goberno saínte, CIG, CCOO e UXT subliñan a ilegalidade da manobra despois do "contundente dictame do Consello Consultivo" que afirmara que o intento do goberno Fraga de consolidar a situación laboral de máis dun milleiro de altos cargos é "contrario ao ordenamento xurídico".
Piden tamén que se desconvoque a mesa xeral de negociación que a Xunta fixou para este venres ás 13h coa intención de analizar o decreto e levalo logo á comisión de persoal e posteriormente ao Consello da Xunta para a definitiva aprobación. O proceso burocrático necesario adiaría esa aprobación á semana que vén, onde o goberno en funcións, tal e como xa confirmou o propio vicepresidente Núñez Feijoo, convocaría un último Consello para deixar colocadas a estas persoas mesmo aínda que nesa altura se agarda que estea xa iniciado o debate de investidura de Emilio Pérez Touriño coma novo presidente da Xunta.
Dende a CIG denuncian que esta teima de última hora da Xunta en funcións "amosa o alto grao de politización e subordinación aos intereses persoais cos que se actúa por parte de Manuel Fraga e os seus conselleiros". Lembránlle ademais ao PP que deixan na administración galega unha herdanza entre outros de "precariedade, escaseza de persoal, atraso na toma de posesión de opositores ou listas de substitucións sen abrir" e que pola contra só parecen estar preocupados de "consolidar a situación de privilexio dos altos cargos e libre designación da Xunta".