"Neste momento, os servizos xurídicos da Xunta, diante de dous decretos que entendemos moi similares, un limpo e outro con reparos, axustan o último ao aceptado polo Consello Consultivo". Así confirmaba este mércores o vicepresidente Alberto Núñez Feijoo que a a Xunta teima con deixar colocados os altos cargos afíns dándolle brochazo ao texto actual para axustalo a outro referido a funcionarios do Sergas que no seu momento conseguiu a beizón do Consello. Mentres, dende o PSdeG advírtenlle ao PP que logo de tomar poesión no goberno galego derogarán "esa flagrante vulneración do ordenamento xurídico".
Logo da primeira reunión da xunta de portavoces do Parlamento o vicepresidente primeiro do goberno en funcións recoñeceu en declaracións aos medios que a aprobación do decreto co que teima a Xunta debera axustarse a un informe favorábel do Consello Consultivo, que xa se pronunciou negativamente sobre ese texto co que os populares tentan que un amplo número de altos cargos afíns quede na administración con posto fixo. Núñez Feijoo revelou ao fío que o Consello Consultivo informara favorablemente dun decreto similar co que seica "o Servizo Público de Saúde pretende o mesmo que a administración xeral". Segundo iso, os servizos xurídicos peneirarían agora os dous documentos para axustar o que Feijoo cualifica de "limpo" ao que "tivo reparos" para conseguir que este último sexa "automaticamente favorábel" e que a Xunta aprobaría sen sequera sometelo a unha nova revisión do Consello Consultivo.
Feijoo recoñeceu ademais que "non vai dar tempo a aprobalo no próximo Consello da Xunta", polo que o goberno popular en funcións estaría preparando aínda unha nova xuntanza para darlle aprobación a ese documento.
Ao respecto, o voceiro de administración do PSdeG, Pablo López Vidal, declarou para Europa Press este mércores que o informe do Consello Consultivo que cualificou de contraio ao ordenamento xurídico ese decreto "é tan demoledor que será unha base precisa para proceder á derogació inmediata desta medida". Vidal pediulle ao PP que renuncie a ese decreto e "abandone o poder cun mínimo de talante democrático".