Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDRA A TENSIÓN DIPLOMÁTICA CON URUGUAI

Arxentina avisa que irá aos tribunais internacionais para frear a celulosa de ENCE na fronteira

"Deica o momento actual as plantas seguen construíndose. Se non hai acordo antes nunha instancia bilateral teremos que recorrer aos tribunais internacionais", así o confirmou este martes o ministro arxentino de Exteriores, Rafael Bielsa. Por outro lado, contámoslles da información da revista Indicadores da que se fai eco este mércores o xornal El Correo Gallego, segundo a cal ENCE estaría cavilando levar a fábrica de Pontevedra para a veciña localidade portuguesa de Viana do Castelo.

- 06:40 20/07/2005
Tags:

"Hai mes e medio que os presidentes Néstor Kirchner e Tabaré Vázquez acordaron crear unha comisión binacional de especialistas, expertos e técnicos, tres por cada unha das partes, para avaliar o impacto ambiental do proxecto", lembrou o chanceler arxentino nos micrófonos da emisora La Red, recollidas este mércores pola prensa de Arxentina e Uruguai.

"Esa comisión, á que lle corresponde facer un estudo ambiental perdurábel, debería terse reunido hai dez días. Pero Uruguai levantouna unilateralmente", laiouse Bielsa, "nós entendemos que temos un mandato constitucional para preservar as condicións ecolóxicas". Na súa opinión "a posición de Uruguai é incomprensíbel", explicou, "non sei cal é o temor ou o problema. Porque se efectivamente as plantas non polucionan, que mellor que disipar a dúbida axiña?".

Dende Uruguai, o presidente Tabaré Vázquez asegurou que falarán co executivo Kirchner para "amosarlles a seriedade dos procedementos que se están levando adiante". "O que está en discusión é se se contamina ou non as augas do río Uruguai", precisou, "e todos os datos que temos están dispoñíbeis para quen os queira ver, incluída a visita do ministro de Vivenda a Finlandia para ver as plantas de procesamento de celulosa", explicou Vázquez, "Finlandia é o país que protexe máis o seu medio ambiente", comentou en referencia ao segundo dos proxectos aparte do de ENCE, que promove a empresa finlandesa Botnia, "aplicarán a mesma tecnoloxía que usan aló, polo que hai garantías de que a contaminación vai ser controlada".


Ligazóns

0/5 (0 votos)