Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARA O NOVO ESCENARIO POLÍTICO

PSdeG e BNG chegan a un acordo definitivo para gobernar a Xunta

O secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, e o coordinador da Executiva do BNG, Francisco Jorquera, escenificaron cun apertón de mans o pacto de goberno ao que chegaron ambas formacións políticas logo da xuntanza desta tarde das comisións negociadoras. Un acordo que as dúas forzas políticas cualificaron de "serio, reigoroso e xeneroso" e que mostra o "desexo de cambio" que os galegos expresaron nas pasadas eleccións autonómicas. Ambos dirixentes non quixeron desvelar os pormenores do pacto e remitiron á presentación pública do documento que farán Touriño e Quintana a finais desta semana.

- 19:20 19/07/2005
Tags:

O acordo ao que chegaron as comisións negociadoras do PSdeG e do BNG inclúe como eixos transversais do novo goberno os ámbitos relativos á política lingüística, de relación cos medios de comunicación privados e as competencias referidas aos medios públicos. De feito, tanto política lingüística como comunicación social serán dúas secretarias xerais asociadas a presidencia. Porén, as decisións do goberno nestas materias terán que ser consensuadas polas dúas forzas políticas que integran o futuro goberno conxunto da Xunta, o PSdeG e o BNG, por medio de comisións formadas por membros de ambas formacións. Desta forma, Comunicación Social, que xestionaba as competencias da CRTVG, deixará de depender da consellaría de Cultura e Política Lingüística abandona a consellaría de Educación, tal e como pretendían PSdeG e BNG nos seus programas electorais.

O BNG responsabilizarase da política forestal
Por outra parte, outros dos temas que estaban pendentes de acordo, a asignación de Montes á consellería de Medio Ambiente, como quería o PSdeG, ou á nova consellaría de Medio Rural, como pretendía o BNG, decantouse ao final cara a banda nacionalista. Con este acordo, a consellaría de Medio Rural estará integrada polas áreas de Agricultura, Gandería, Desenvolvemento e Política Forestal.

Os negociadores salientan a "xenerosidade" e "rigor" do acordo
Tanto Varela como Jorquera subliñaron esta tarde que o acordo de goberno é "bo" para Galiza e está concebido como "un contrato coa sociedade".

"O acordo desbloqueouse aproximando posicións e coa xenerosidade das partes da delegación, que tivo o PSdeG e o BNG", sinalou Ricardo Varela. Neste sentido, os portavoces da comisión negociadora indicaron que, a pesar de que os traballos desta comisión están rematados, "queda pendente a redacción definitiva" do acordo e anunciaron que a finais desta semana Touriño e Quintana presentarán publicamente o documento final.

Varela e Jorquera coincidiron en salientar que ambas delegacións realizaron "un gran esforzo" para expresar cun pacto o "desexo de cambio" dos galegos. Así, o secretario de Organización do PSdeG sinalou que as dúas delegacións realizaron un traballo "rigoroso, serio e xeneroso". "Temos un pacto que é bo para Galiza, para o noso futuro, e consolidará un goberno de cambio", engadiu. "Podemos felicitarnos polo traballo realizado e, desde logo, estamos satisfeitos das dúas semanas de contactos para chegar a este acordo".

O coordinador da Executiva do BNG insistiu en que as dúas forzas políticas "souberon estar á altura das circunstancias tras o "cambio" expresao polos galegos o pasado 19 de xuño. "Houbo un esforzo mutuo de integración, de comprensión, de poñer o desafío que temos diante da sociedade galega, de non defraudar ese desexo para un cambio importante no noso país por riba de intereses de curto alcance".

Tamén advertiu que o acordo alcanzado será "publicitado con luz e taquígrafos".

  • Anteriores:
  • O acordo entre PSdeG e BNG pode estar ultimado esta tarde
  • O día 27 de xullo comezará a sesión de investidura do novo presidente


  • Ligazóns

    0/5 (0 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: