Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CICLISMO - TOUR DE FRANCIA

Óscar Pereiro fai historia e gaña unha tirada no Tour

Non o conseguiu no cumio do Courchevel. Tampouco en Saint Lary Soulan, onde só puido ser segundo. Mais á terceira foi, e Óscar Pereiro, logo dunhas xornadas sendo protagonista da paixón, venceu na liña de meta de Pau a súa primeira tirada do Tour. Pereiro saltou do grupo cando comezaba a subida ao alto de Aubisque, acompañado do tamén galego Marcos Serrano. Logo deixou atrás os compañeiros, e situouse na cabeza a canda o vasco Zandio, o australiano Evans e o italiano Mazzoleni. Quedaban só os quilómetros da baixada, e a distancia co grupo (uns seis minutos), podía abondarlles. E así foi: Pereiro ceibouse dos outros tres a 250 metros da liña de Pau, e conseguiu a primeira vitoria para un ciclista galego en toda a historia do Tour. O ponteareán Álvaro Pino quedara segundo nesta mesma tirada, xustamente hai vinte anos.

- 18:58 19/07/2005
Tags:

A cidade gascoa de Pau coñece así a primeira vitoria galega nun Tour, logo de que históricos como Álvaro Pino ou Blanco-Villar nunca o conseguisen. E aínda non dixo Pereiro a última palabra: loxicamente o podio está lonxe, pero o excelente estado de forma do mosense pódeno animar a rabuñar algúns segundos máis nas tiradas do Macizo Central francés e mais na última das contrarreloxos. O horizonte, mellorar a décima praza da edición de 2004. Para mañá, unha longa tirada de 239 quilómetros dende Pau ata a viliña languedociana de Revel, bastante chans. Pereiro, que acaba de renovar o seu contrato por dous anos co equipo Phonak, dedicoulle a vitoria á muller, coa que agarda un fillo para outubro.

O presidente en funcións da Xunta, Manuel Fraga, felicitou cun telegrama a Pereiro polo seu triunfo. Fraga transmitiulle a noraboa "no seu nome e no de toda Galiza" e cualificou a vitoria de "fito histórico" para o deporte galego. Fraga destacou que "é un orgullo para Galiza" contar cun deportista de tan gran valía.

Pola súa banda, o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, envioulle esta tarde unha mensaxe de felicitación a Pereiro polo "seu grande triunfo". Quintana seguiu a retransmisión televisiva da vitoria de Pereiro, e sinalou que o triunfo de Pereiro era un "bo exemplo de ata qué punto os galegos e as galegas son capaces de abrirse paso exitosamente en distintos campos a escala internacional, entre eles o deporte profesional ao máis alto nivel".

16ª tirada
Óscar Pereiro (GZ), 4:38'40"
2º Xabier Zandio (EUS), =
3º Eddy Mazzoleni (ITA), =
11º Marcos Serrano (GZ), a 2'28"
36º L. Armstrong (EUA), a 3'24"

Xeral
L. Armstrong (EUA)
2º, Ivan Basso (ITA), a 2'46"
3º, Mickael Rasmussen (DIN), a 3'09"
15º Óscar Pereiro (GZ), a 15'40"
44º M. Serrano (GZ), a 1:26'19"


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: