Cando quedan tres días para a constitución do novo parlamento, as negociacións entre o PSdeG e o BNG para formar goberno atoaron no momento en que as dúas formacións políticas espuxeron as súas propostas para o reparto de responsabilidades na nova Xunta. É a hora de que os dous líderes, Touriño e Quintana, que non falan nin sequera por teléfono desde o comezo das negociacións, senten de novo a dialogar para desatoar o proceso.
As causas do atasco proceden tamén da falta dun acordo de bases sobre os aspectos programáticos e na concepción do goberno. A ausencia dunha posición común sobre a reforma do Estatuto, a relación da nova Xunta co goberno de Zapatero (débeda histórica, infraestruturas e financiamento) e as diferencias sobre como concebir a acción e a representación do goberno (un executivo socialista con apoio do BNG, como pretende o PSdeG, ou un goberno conxunto, como quere o BNG) lastran as posibilidades dun acordo de mínimos sobre o reparto de departamentos e responsabilidades institucionais.
A reivindicación do BNG dunha vicepresidencia única para Quintana semella asumida polo PSdeG, pero os nacionalistas queren tamén dotar este cargo de contido político, de forma que o líder do BNG coordine tamén a acción do goberno ou se ocupe directamente das políticas de cohesión social e igualdade. En troques, os nacionalistas cederíanlle ao PSdeG a presidencia do parlamento, que ocuparía con toda probabilidade a economista Dolores Villarino.
As 14 consellarías da actual Xunta quedarían reducidas a 12 no novo goberno (suprimiríanse Xustiza e Emigración). Nesta situación, o BNG reclama catro áreas: Cultura e Comunicación Social (sen Turismo, como na actualidade, pero incluindo Política Lingüística), Urbanismo e Vivenda, Industria (con I+D e Comercio) e unha macroconsellaría de Medio Rural que abranguería Desenvolvemento Rural, Agricultura, Gandería e Montes.
Os socialistas non están por este labor. O PSdeG ofrécelle ao Bloque os departamentos de Sanidade, Benestar Social, Pesca e Cultura. Para os negociadores do Bloque, a aceptación da proposta socialista suporía de feito quedar fóra do ámbito das decisións económicas e orzamentarias da Xunta.