Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS CIFRAS DA EDICIÓN DE LIBROS

En Galiza edítanse máis libros pero acentúase a crise do sector

O secretario da Asociación Galega de Editores (AGE), Manuel Bragado, debullou as cifras da edición galega e en galego durante o 2004 na presentación do novo portal web da asociación. Dos datos despréndese que dende 1991 medrou a edición de libros en galego e en Galiza pero o sector do libro galego obtén cada vez un menor número de beneficios. O presidente da asociación dos editores, Miguel Anxo Fernán Vello, falaba neste sentido "dun momento moi delicado e de déficit do mundo do libro galego".

- 09:48 13/07/2005
Tags:

O total de títulos publicados no noso país durante o 2004 ascende a 2.618 dos que 1.849 están escritos en lingua galega o que supón que arredor do 57% dos libros publicados en Galiza escríbense ademais na súa lingua. Unha cifra positiva que non marca só o aumento da edición senón que tamén saca á superficie a boa aceptación das novidades literarias entre o público galego, e así o salientaba Manuel Bragado.

O vencello entre o mundo da edición e o ensino queda un ano máis patente nas valoracións da AGE, que destaca que "no ano 2003 o 60% do publicado en Galiza xiraba arredor do mundo do ensino e no 2004 esa porcentaxe foi de, aproximadamente, o 50%".

Pero a crise da edición privada, que supón o 90% dos libros editados no país fronte a un 10% de edición pública ou institucional, segue en aumento promovida por unha perda de facturación anual e polo descenso da tirada media. Unha situación agravada ademais, segundo destacaron tanto Bragado como Fernán Vello, pola desaparición do prezo fixo do libro que leva ás grandes superficies a ofrecer descontos de ata o 25% no prezo dos libros en detrimento do pequeno comercio libreiro.

Dende a AGE deféndese a recuperación do prezo fixo para os libros destacando que a literatura non é tan só "un ben mercantil senón que tamén é un ben cultural", que precisa segundo Miguel Anxo Fernán Vello "un prezo único e independente das épocas do ano ou do establecemento no que se comercialice tal e como acontece co prezo dos xornais ou incluso do tabaco".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: