Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS NOVAS INFRAESTRUTURAS

Un PEIT sen plan específico para Galiza

Non haberá nin prazos nin orzamentos para as infraestruturas galegas incluídas no Plan Estratéxico que o goberno central vén de presentar e que aprobará esta mesma semana. O executivo promete gastar en todo o Estado e deica o ano 2020 un total de 248.892 millóns de euros. Case o 44% do investimento realizarase en infraestruturas ferroviarias e no caso de Galiza, Fomento aceptou que o tren de alta velocidade sexa exclusivamente para o transporte de viaxeiros.

- 07:09 12/07/2005
Tags:

A opción defendida pola propia Xunta nos últimos meses e apoiada por patróns e sindicatos para que Galiza contase cun tren de alta velocidade exclusivamente para pasaxeiros, no canto de combinarse co transporte de mercadorías foi a escollida finalmente polo ministerio de Fomento que viña teimando coa introducción dunha liña mixta dende hai semanas. Así, o trasporte combinado de mercadorías e pasaxeiros a través das liñas de alta velocidade realizarase exclusivamente no eixo Vigo-ACoruña, pero non así nos accesos vía Ourense deica Vigo e Santiago. O executivo non renuncia en todo caso a convencer ao goberno galego no futuro da opción do tráfico mixto.

Por outro lado, o Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transportes confirma os compromisos para a construcción das autovías Ourense-Lugo, Lugo-Santiago, o treito galego da Transcantábrica e a alternativa á autoestrada no treito Pontevedra-Vigo, que se viña vendendo coma solución á peaxe. Malia todo, neste último caso non se considera esta obra entre os viais prioritarios. No que respecta ao resto de viais non aparece ningunha estrada galega entre as zonas consideradas prioritarias.

O goberno anunciou a creación da que se chamará Sociedade de Infraestruturas de Transporte Terrestre, cunha dotación inicial de 500 millóns de euros, entidade que traballará para canalizar o investimento privado nas obras previstas. A evolución e os prazos cara ao 2020 poderían quedar así condicionados pola propia captación de capital privado, que debería acadar ata un 20% do total e privilexiaría aquelas obras consideradas prioritarias sobre o resto.


Ligazóns

0/5 (0 votos)