"Non é razoábel impoñerlle ao goberno do país conceptos propios dunha opción partidaria, coma é o caso da débeda histórica", precisou o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, entrevistado este domingo pola Cadena Ser. Moi optimista cara ao acordo, Touriño recoñeceu a existencia dun défice en "infraestruturas e equipamentos" e prometeu que "o goberno de cambio" será o primeiro en esforzarse para "poder superalo".
Sobre as diferencias que existen entre PSdeG e BNG neste punto, o líder dos socialistas galegos opinou que "é necesario distinguir claramente os posicionamentos como goberno dos posicionamentos ideolóxicos como partido" e pediu "non comezar marcando condicións a priori".
Respecto ao debate sobre a reforma estatutaria, Touriño insistiu que o seu partido "apostará porque Galiza non quede atrás nin por baixo de ninguén na reforma do Estatuto", pero subliñou que "este non será monotema no goberno do cambio" e afirmando ao respecto que "a prioridade do goberno do cambio será darlle resposta ás preocupacións dos cidadáns". Esas prioridades son na súa opinión "mellorar a calidade de vida dos galegos, a calidade do emprego, aumentar os servizos sociais e darlle máis oportunidades aos mozos".