Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FRAGA INSISTE EN PILOTAR O PROCESO

Asoma a revolta no PP pola sucesión, o centro político e as cotas de poder

Corcoba ou Baltar botaron man esta semana do fío de debate aberto por Piqué dende Cataluña pedindo unha viraxe do PP ao centro. As declaracións, que teñen malia iso moi diferente explicación en cada un dos casos, son exemplo da fráxil situación que a perda do poder na Xunta abre para os populares. Fraga, que por un lado se esforza en negar diverxencias, recoñece por outra banda que a súa presencia no proceso sucesorio quere servir coma garantía de cohesión no partido.

- 08:34 08/07/2005
Tags:

A necesidade de xirar "ao centro" expresada por Fernando Rodríguez Corcoba, voceiro municipal do PP no Concello da Coruña, explícase coa tensa relación do sector por el representado coa dirección provincial do partido, que estoupou na carreira preelectoral coa imposición nas listas con beizón de Fraga e o fracaso do seu propio pulso por entrar en posto de privilexio. Logo da súa demisión da presidencia local coruñesa do PP, Corcoba xa avisou que para o 2007 quere ser o candidato do partido para loitar pola alcaldía. A posíbel renuncia de Francisco Vázquez a optar por outro mandato, e a caída do tradicional apoio maioritario que o PP tiña en toda votación que no fose municipal abren un incerto escenario na cidade herculina.

Por outra banda, a chamada a camiñar ao centro que fai Baltar, quen aínda mantén rexistrada a marca política "Centristas de Galicia" chega pouco despois de que advertira que "hai que tomar inmediatamente medidas", así e todo sen atreverse a detallar en público a que medidas concretas se refire. Ao tempo, Baltar vén de amosarse seguro de que Fraga poñerá data para o seu relevo en breve. Nese punto non parece que o líder popular vaia levar ao extremo a súa promesa preelectoral aos baltaristas de facilitar un proceso sucesorio democrático vía congreso extraordinario. Este mesmo xoves, o fundador do PP recoñecía que haberá propostas previas cara a un acordo, deixando claro que todo chegará atado ao final. A sucesión non quedaría resolta en todo caso antes de xaneiro de 2006, data para a que Rajoy convocaría o congreso estatal do partido.

Por outro lado, contámoslles que o conselleiro de Política Territorial en funcións e aspirante destacado na liña sucesoria, respondíalles este xoves ás voces críticas dicindo descoñecer as motivacións e asegurando que o PPdeG xa é "un partido de centro e galeguista".


Ligazóns

0/5 (0 votos)