As licitacións e adxudicacións de obras por valor de máis de 360 millóns de euros, segundo avisan dende o PSdeG, "comprometendo pagamentos para os vindeiros 25 ou 30 anos", son exemplo dun "feito sen precedentes para un goberno en funcións". De igual xeito, dende o BNG advirten que o executivo de Manuel Fraga "está a tentar hipotecar o goberno futuro".
"O goberno en funcións non ten lexitimidade para tomar decisións que coindicionen a acción de futuro do executivo autonómico, e a única lexitimidade é actuar coa máxima legalidade e non hipotecar o futuro de Galiza nin as actuacións do futuro goberno", afirmou este xoves Ismael Rego na súa calidade de voceiro do PSdeG na deputación permanente do Parlamento galego, o órgano de control do executivo que segue funcionando na Cámara.
Rego criticou tamén o anuncio de blindaxe de altos cargos e a concesión das comunicacións dixitais e lembroulle a Fraga que toda vez que se vai producir unha alternancia "por decisión dos cidadáns" esas decisións políticas está claro que lle corresponderían "única e exclusivamente ao próximo executivo".Así, acusou ao presidente en funcións de estar rachando "coas regras da democracia e a igualdade de oportunidades dos funcionarios" e denunciou que dos escritos se desprende que a pretensión última é que esas persoas "lle sexan útiles ao PP no futuro coma o foron no pasado". "E un escándalo que o presidente da Xunta debera parar de inmediato", pediu.
En igual sentido se pronunciou a executiva do BNG, dende onde Francisco Jorquera aseguraba que se o PP insiste nestas "prácticas abusivas" os nacionalistas promoverán "unha comisión de investigación no Parlamento galego para depurar as responsabilidades ás que houbera lugar". O coordenador da executiva do Bloque denunciou que estos excesos permitidos por Manuel Fraga "atentan contra os comportamentos normais en calquera democracia minimamente asentada".