O presidente da Xunta en funcións, Manuel Fraga Iribarne, recoñeceu que o seu goberno envioulle "hai tempo" ao Consello Consultivo de Galiza o proxecto de decreto que persegue que os funcionarios que ocupan na actualidade altos cargos ou de libre designación poidan conservar o seu nivel e os seus soldos logo do cambio de goberno. Fraga Iribarne mesmo se referiu a "referentes moi importantes que hai noutras autonomías que regulan certos dereitos do rango mínimo. Non se trata de que se lles consolide nos seus postos, senón que os niveis que teñen sexan tidos en conta para futuros destinos". Fraga anunciou que "obviamente" o goberno en funcións tomará unha decisión sobre este asunto despois de coñecer o dictame do Consello Consultivo. Este informe debería estar listo a semana que vén.