Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PP ATA CABOS ANTES DE MARCHAR

O goberno en funcións concederá as licenzas da TDT a semana que vén

Pódese dár por feito que o PP outorgará as licenzas para novas canles de radio e televisión dixital antes de deixar o goberno. Así o anunciou esta mañá o Conselleiro de Cultura en funcións, Xesús Pérez Varela, quen considera que a adxudicación é "obriga" do Executivo en funcións malia que a nova lei estatal que regulamenta o procedemento ampliou o prazo ata finais de ano no caso das televisións locais. No caso das radios, o Plan Técnico Nacional marca un prazo aínda máis amplo: o 30 de xuño de 2006 para ter a infraestrutura lista e 20 anos para ir convocando concursos de concesión de licenzas. O PSdeG, o BNG e máis os xornalistas agrupados no CPXG pediron, antes xa das eleccións, que fose o novo goberno da Xunta o que resolvese os concursos da TDT e da radio dixital no canto de facelo o executivo saínte. Malia as protestas, o PP mantén firme a súa intención de configurar o panorama audiovisual antes de marchar.

- 14:44 06/07/2005
Tags:

Segundo Pérez Varela, o máis seguro é que as concesións de licenzas as aprobe o Consello da Xunta da semana que vén, o último antes da costitución do novo Parlamento. Para o conselleiro en funcións era algo que se debía facer xa que o proceso "comezou en novembro de 2004 e a lei obrigaba a que se concedesen antes de agosto". Ese foi o principal argumento que veu utilizando a Xunta desde que xurdiron as voces de alarma da oposición sobre un feito que os xornalistas cualificaron como unha manobra de "blindaxe mediática do PP".

Mentres uns protestaban e outros tiraban para adiante sen facerlles caso, a lei estatal cambiou e ampliou o prazo para resolver os concursos da TDT local, que abren a porta á creación de 60 novas cadeas de televisión privada en 20 comarcas de Galiza. Sobre a mesa de San Caetano hai 85 solicitudes e agora o Goberno en Funcións do PP decidirá quen se fai cunha ou varias licenzas e quen queda sen ningunha.

A estas licenzas hai que sumarlles outras tres de TDT de ámbito autonómico e 125 licenzas de radio entre locais e autonómicas. Falta por ver que podería facer o goberno PSOE-BNG para desfacer o que agora deixe amarrado o PP. En principio as licenzas concédense de forma provisoria e están supeditadas ao cumprimento doutros requisitos, como por exemplo a presentación dun proxecto técnico e a execución das instalacións precisas de acordo co que nel se exprese. Ademáis, as licenzas tamén se poden revocar unha vez concedidas se as empresas non cumpren a oferta coa que gañaron o concurso.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: