Co inminente cambio á fronte da administración educativa galega na axenda e os partidos negociando o próximo programa de goberno, a CIG-Ensino aproveita para volver traer a primeiro plano unha denuncia na que veñen insistindo no treito final da última lexislatura: o balanzo da era Fraga no apartado de educación amosa un incremento do 421% nas subvencións ao ensino privado. A federación de ensino do sindicato entregou este luns no rexistro da consellaría as oito mil sinaturas, a maioría de mestres e pais, que apoian a campaña promovida as últimas semanas co lema "Unir voces en defensa do ensino público".
"Como docentes, pais, nais, estudantes..., cidadáns e cidadás temos demasiadas razóns para unir voces en defensa do ensino público: Preocúpanos que a política educativa da Xunta de Galiza incremente constantemente as subvencións ao ensino privado, mentres desatende necesidades e servizos no ensino público". Así recolle o manifesto que a CIG-Ensino vén movendo a través dos centros de ensino galegos nas últimas semanas, e onde se critica que os investimentos públicos nos centros privados se incrementaran nun 421,4% dende 1989, coa chegada de Fraga á Xunta, ou que as subvencións para o privado aumentaran en 2005 un 10,5% respecto ao ano anterior, case o dobre que o aumento dos orzamentos educativos totais. Xa que logo, a consellaría de Educación establecera para o ano 2005 un gasto de 198 millóns de euros no ensino privado concertado, o 11% do gasto total desta administración.
Lembrámoslles que os sindicatos do ensino teñen criticado moi especialmente que a Xunta mesmo favoreza os centros concertados naquelas zonas onde en principio non serían necesarios. Segundo a CIG-Ensino, promover o establecemento de concertos educativos en áreas onde a oferta de centros públicos é suficiente é unha política que atenta contra o ensino público e que a Xunta ten aplicado dende hai anos en Galiza. As áreas das cidades da Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense e Vigo ofrecen exemplo de lugares con máis alumnado de Infantil e Primaria escolarizado en escolas privadas concertadas ca en centros públicos.