A maioría absoluta este xoves no Congreso dos Deputados serviu para levantar o veto que o PP conseguira no Senado para a modificación do Código Civil que recoñece o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. A votación resolveuse co apoio de 187 deputados, todos agás os do PP e Unió. A ex ministra popular Celia Villalobos tamén voto a prol da nova lei. Logo da votación, Rajoy anunciou a presentación dun recurso diante do Tribunal Constitucional.
De xeito previo á votación e aínda que non estaba previsto, produciuse a intervención do presidente do goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, quen destacou que a nova norma "dálle adiante a un compromiso electoral" e serve para "construír un país máis decente, cunha sociedade que non humilla aos seus membros". "Fainos mellores a todos", sentenciou Zapatero
Mariano Rajoy insistiu en que a modificación lexislativa promovida polo actual goberno, que cualificou de "irresponsábel", provocou "unha gran división na sociedade española". O líder do PP queixouse a continuación de que o presidente do Congreso, Manuel Marín, non lle dese uso da palabra argumentando que a sesión deste xoves non tiña formato de debate. Rajoy acusou aos socialistas de preparar para este xoves un acto "propagandístico de Zapatero para saír en televisión". O chamado "Foro Español da Familia" anunciou unha nova concentración contra a lei este xoves en Madrid e pediulle aos populares que leven adiante o recurso de inconstitucionalidade.